O ALONDRAS SUPERA CON COMODIDADE AO RIBADEO > Os cangueses despiden a tempada no Morrazo cunha goleada

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Crónica de Sheila Lorenzo)

Esta tarde disputouse a trixésimo sétima xornada da Terceira División entre o Alondras CF e o Ribadeo no Campo de O Morrazo. Fronte a fronte atopábanse dous conxuntos que chegaban a este encontro sen unha gran motivación, pois ningún se xogaba nada xa. Os locais xa tiñan a permanencia asegurada dende facía varias xornadas e non tiña opcións de meterse arriba, so quedaba a ilusión de regalarlle aos afeccionados a derradeira vitoria da tempada, mentres que o Ribadeo xa chegaba coa tempada sentenciada, pois estaba xa matematicamente descendido. 

En cambio, cando se podía agardar un encontro aburrido pola falta de motivación de ambos equipos, o partido axiña colleu ritmo pois na primeira chegada do Alondras Champi, co peito, remata un balón colgado no área pequena ao fondo da rede inaugurando o marcador cando só se levaba un minuto de xogo. Pouco despois os cangueses puideron ampliar diferenzas nuns minutos moi activos por parte dos blanquivermellos, como por exemplo cando Adrián roubou un balón no medio campo, xogou para Mauro que deixou o balón atrás para Andrés que rematou a porta frouxo. 

Pero os homes de Germán Campos tampouco se amedrentaron e asomáronse á porta defendida por Martín e froito diso chegou o empate no 21 nos pés de Santi, que tras recibir o balón na esquerda dentro do área pequena, practicamente só tivo que empurrar o esférico ao fondo da rede. Tan só cinco minutos despois Champi dende a esquerda, case sen ángulo, pon o balón no área pequena para que Adrián faga o segundo para o Alondras. Tivo unha gran ocasión o equipo lugués de volver a poñer a igualada no marcador, pero Casti sacou o balón case na liña de gol. 

Xa no segundo tempo o encontro colleu un ritmo algo máis pausado por parte de ambos conxuntos. Houbo que agardar ata o 64  para que Mauro, dende a dereita, puxera o 3-1 no marcador. A partir de aí o Alondras rondou constantemente a porta defendida por Javi Liz, pero o balón non volveu a cruzar a liña de gol ata o 89 cando Rubén Comesaña rematou de cabeza un balón no área pequena poñendo o 4-1 definitivo no marcador.

Tras esta vitoria o Alondras é noveno con 53 puntos, mentres que o Ribadeo é decimo oitavo con 34. Na vindeira e derradeira xornada o Alondras pecha a campaña cun derbi da ría no Baltasar Pujales ante o Rápido de Bouzas, mentres que o Ribadeo recibe ao Noia.

FICHA TÉCNICA:
ALONDRAS CF: Martín, Iván, Castilla, Rubén Comesaña, Pitu, Diz (Joni, min 61), Mauro (Gabri, min 66), Álex, Adrián, Andrés e Champi.
RIBADEO FC: Javi Liz, Coki, Isma, Brais (Borja, min 46), Álex, Javicho (Cube, min 61), Rafa, Andrés, Chriss, Santi e Iván (Dapo, min 61).
GOLES: 1-0: Champi, min 1; 1-1: Santi, min 21; 2-1: Adrián, min 26; 3-1: Mauro, min 64; 4-1: Rubén Comesaña, min 89.
ÁRBITRO: Hernández González, auxiliado por Rodicio González e Casás Blanco, do colexio de Ourense. Amonestou con tarxeta amarela a Andrés polo Alondras e a Brais, Andrés e Santi por parte do Ribadeo. 
CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.