8/5/16

Manifiesto del Partido Popular de Galicia en su congreso anuncia nuevas rebajas fiscales mientras crecimiento y control de deuda lo permitan

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

“A Galicia do futuro: o camiño por percorrer” recolle as principais propostas dos populares para afrontar os novos desafíos de Galicia ata o 2020

O PPdeG apostará por novas rebaixas fiscais mentres o crecemento de PIB e control da débeda permitan facelo

  • É o momento de afrontar a recuperación económica co obxectivo de acadar un crecemento sostido do 2,5% anual do PIB na segunda metade desta década e reducir o desemprego a un 10%
  • Seguirase defendendo a sanidade pública con máis tecnoloxía, mellores infraestructuras e máis prestacións e traballarase no eido dos servizos sociais para que Galicia sexa o mellor lugar onde nacer e onde vivir

O PPdeG impulsará "un proxecto político para Galicia renovado, coherente, realista e realizable para mellorar a calidade de vida dos galegos, abranguendo a todos os ámbitos de xestión, todos os colectivos e todos os territorios sen ningún tipo de exclusión".

Segundo recolle o manifesto “A Galicia do futuro: o camiño por percorrer”, os populares teñen agora a obriga de configurar un proxecto de futuro para o conxunto da cidadanía, que sexa inclusivo e que permita acadar un novo horizonte de oportunidades e de esperanza. Pero esa realidade debe ir acompañada de iniciativas e ideas renovadas, acordes cos novos desafíos que Galicia deberá afrontar no horizonte de 2020.

 Así mesmo, "fronte ás propostas excluintes, de curto percorrido, ou de escaso espírito democrático, o PPdeG reitera a súa aposta de sempre polo galeguismo integrador e universal, que permitiu situar a Galicia entre as rexións con maior autonomía de Europa, un galeguismo que tamén enxalza e se enorgullece dos sinais de identidade que nos diferencian como pobo ao tempo que nos sentimos españois e europeos".

CRECEMENTO SOSTIDO ORIENTADO ÁS PERSOAS

Unha vez superadas as peores dificultades, "é o momento de afrontar a recuperación económica co obxectivo de acadar un crecemento sostido do 2,5% anual do PIB na segunda metade desta década e reducir o desemprego na Comunidade a un 10%, o que sería unha economía ao servizo das persoas".

Para iso, "Galicia completará a consolidación fiscal, cumprindo co obxectivo de estabilidade orzamentaria, reducindo a súa débeda paulatinamente e facendo fronte ás súas obrigas e pagamentos a provedores con axilidade".

Ademais, o conxunto da estratexia económica "orientarase á mellora da renda das persoas, valorando novas posibles rebaixas de impostos en función da evolución dos ingresos da Comunidade Autónoma".

Por outra banda, os populares "potenciarán a innovación e a internacionalización da empresa galega e promoverán a captación de investimento estranxeiro. Así mesmo, farase unha aposta polo emprendemento, que anime a posta en marcha de novas iniciativas e oportunidades, xeradoras de riqueza e emprego, con acceso preferente de pemes e microempresas a préstamos e microcréditos bonificados".

Xa en materia de infraestruturas, "a segunda metade da presente década caracterizarase pola construción das estacións intermodais, tarefa que coincidirá coa posta en servizo do AVE que comunique Galicia coa Meseta. Continuarase apostando pola vertebración territorial e o fomento d mobilidade como elementos fundamentais na promoción da igualdade de oportunidades para todos a cidadanía e nese esforzo seguiremos impulsando o AVE, avanzando na integración dentro da alta velocidade da provincia de Lugo e da comarca de Ferrolterra, a través das liñas Ourense-Lugo e Ferrol-A Coruña".

Cómpre salientar que todas as propostas contempladas no ideario popular, sexan en materia de innovación, de internacionalización, de apoio ao investimento ou de dotación de infraestruturas, "teñen un único obxectivo final: a creación de emprego, que debe ir da man do crecemento económico para ofrecer postos de traballo estables e de calidade".

CENTRADOS NO BENESTAR

O PPdeG "continuará traballando para blindar o sistema sanitario, e seguirá defendendo a sanidade pública con máis tecnoloxía, con mellores infraestructuras e con máis prestacións, sempre cun obxectivo claro: mellorar a saúde da cidadanía galega".
O obxectivo é construír unha sanidade para as próximas xeracións, estable, segura, comprometida co benestar de todos e, responsable co uso dos recursos públicos.

Así mesmo, o PPdeG "ten moi presente a calidade dos servizos sociais, e están convencidos de que a actuación para os vindeiros anos transcorrerá polos dous principais vieiros marcados nesta lexislatura: a loita contra a desigualdade social e a mudanza da tendencia demográfica". 

Para acadar ambicioso obxectivo de que Galicia sexa o mellor lugar onde nacer e onde vivir, os populares contan con dúas ferramentas chave: a Nova Axenda Social e o Programa de Apoio á Natalidade. "Estas dúas iniciativas, xunto coa aposta decidida do Goberno galego por consolidar os avances conseguidos na implantación da Lei da Dependencia reforzando os servizos básicos e incorporando persoas usuarias ao sistema, serán os sinais de identidade da Galicia próspera, igualitaria e inclusiva que queremos para o futuro".

OS SECTORES ESTRATÉXICOS

Entre os obxectivos do PPdeG "atópase continuar apoiando aos sectores estratéxicos da economía galega. Entre eles, destacan as iniciativas relacionadas co sector do mar, para o que os populares continuarán traballando en Europa coa fin de facer valer as súas propostas da man do sector e para que o marco regulatorio comunitario desta actividade teña en conta as particularidades e os retos deste medio en Galicia".

No tocante ao Consello Galego de Pesca, "preténdese facer del unha ferramenta que sirva para fincar os piares de cada norma que saia adiante no sector marítimo-pesqueiro co obxectivo de conseguir un marco regulatorio sinxelo e aplicable".

Ademais, continuarase traballando en vías que permitan o relevo xeracional e seguirase reforzando o papel da muller dentro deste eido.

Tamén "se prestará especial atención á pesca de altura e gran altura e ao marisqueo, ao tempo que se afianzará a presenza dos nosos produtos nos eidos da transformación e comercialización, facendo o traballo entre todos os elos da cadea mar-industria".

No que se refire ao medio rural, "impulsarase o labor do PPdeG ao amparo do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020 buscando fomentar a competitividade da agricultura galega mediante a modernización das explotacións agrícolas e forestais, incorporando á mocidade en explotacións orientadas ao mercado, ordenado o territorio e mellorando, polo tanto, a produtividade da industria agroalimentaria e forestal. Todo co obxectivo prioritario de mellorar a calidade de vida da poboación do rural, fomentando a creación de emprego e a prestación de servizos básicos que contribúan á fixación da poboación neste medio".

A EDUCACIÓN PARA GAÑAR O FUTURO

A mellora da educación e o potenciamento da cultura galega constitúen dúas liñas estratéxicas do PPdeG para os vindeiros anos.

Para seguir mellorando en materia de educación "precísase unha estabilidade normativa real, evitando as sucesivas remudas lexislativas, como as que se teñen producido ata o de agora. E ese estabilidade normativa pasa por contar cun Goberno estable e tal obxectivo só o pode garantir o Partido Popular co apoio maioritario da sociedade galega".

Ademais, "adaptarase a oferta da Formación Profesional para que resulte máis acaída ás demandas de cualificación do noso sistema produtivo e apostarase por manter o apoio financeiro da Administración autonómica ao sistema universitario galego cun dobre obxectivo: mellorar a formación superior da nosa mocidade e potenciar a investigación".

En definitiva, "restan aínda moitas por facer para completar a tarefa iniciada polos populares hai sete anos cando chegaron á Xunta pero quen mellor pode e sabe facelas é o PPdeG, a única forza política capaz de garantir a estabilidade, a unidade, a seguridade e a previsibilidade que debe ofrecer un Goberno para mellorar a situación dun país".

(Hasta aquí, en resumen, el manifiesto y declaración de intenciones hecho público este sábado
en  el Congreso del Partido Popular de Galicia que se está desarrollando en Ourense)