8/5/16

Despedida como secretario xeral do PP de G > Rueda, a Feijóo: “Ter sido o teu secretario xeral é unha honra que non esquecerei”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Apunta que o partido está preparado para as xerais e as autonómicas, para as que traballarán para ter o mellor resultado 

Rueda, a Feijóo: “Ter sido o teu secretario xeral é unha honra que non esquecerei”

  • “Alégrome de que teñamos ao mellor presidente e ao mellor candidato. É unha sorte que poidamos coller en outubro unha papeleta co nome de Alberto Núñez Feijóo” di

  • Asegura que a elección de Tellado para sucedelo é un acerto xa que coñece o partido e sabe apreciar o traballo do que os defenden e dan a cara polas siglas do PP

O xa ex secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, pronunciou hoxe o Informe de xestión da Executiva saínte, no seu último discurso antes de dar o relevo a Miguel Tellado como novo número dous do partido, no congreso do PP de Galicia celebrado en Ourense.

Rueda recordou cando Feijóo o invitou a comezar unha aventura que duraría dez anos e como aceptou porque percibiu nese momento que estaba diante de alguén disposto a ser valente, que sabía que era o momento de Galicia e dos galegos. “Iso é o que me convenceu de Alberto, e sigo vendo o mesmo”.

Así mesmo, recoñeceu a dureza dos primeiros momentos e dos primeiros resultados electorais, pero tamén amosou a súa satisfacción ao ver que as cousas empezaron a mellorar cada vez máis.

“Alégrome que sigas preferindo Galicia”, dixo referíndose ao máximo dirixente do PPdeG. 

Pola contra, diferenciou a situación de unidade na que se atopan os populares fronte a partidos que buscan candidatos que pelexan entre si e se insultan, así como os que só se plantexan como gran obxectivo ter tres ou catro deputados para non desaparecer. 

“Alégrome de que teñamos ao mellor presidente e o mellor candidato. É unha sorte que poidamos coller en outubro unha papeleta co nome de Alberto Núñez Feijóo”, afirmaba Rueda ao tempo que aseveraba que o partido está en forma e preparado para as eleccións xerais e autonómicas, para as que traballarán para ter o mellor resultado posible.

“Alberto, ter sido o teu secretario xeral estes anos foi unha honra que non se me vai esquecer. Agardo que perdoedes os meus erros, vos saiba devolver o voso cariño e que xuntos sigamos traballando, crendo neste partido e chegando a grandes éxitos”, dixo.

Rueda asegurou que pese a que pasaron dez anos dende que chegou ao seu posto a situación segue sendo difícil, “aínda que comparados cos outros partidos temos dereito a estar eufóricos”. Malia isto, recoñeceu que os populares non se comparan con ninguén, só con eles mesmos. “Queda moito por facer, pero dez anos despois o PPdeG ten que seguir saíndo a gañar”.

Tamén aproveitou a ocasión para agradecer á organización do Congreso, comités, comisións e plataformas “que son os que dedican horas de traballo para que todo saia adiante”.  

O secretario xeral saínte non se esqueceu de NNXX, onde comezou a súa carreira en política e aos que definiu como a parte máis entusiasta do partido. Tampouco dos que dan a cara día a día: alcaldes, concelleiros, vogais e aos miles de afiliados do PPdeG. “Todos seguen aí, todos terán futuro, e sentir o seu apoio dez anos despois demóstrame que mereceu a pena o traballo feito”.

Xa referíndose a Tellado, dixo que o presidente, Alberto Núñez Feijóo, acertou plenamente co nomeamento. “Para ser secretario xeral hai que coñecer ao partido por dentro, interpretalo e saber apreciar o inmenso valor que ten o traballo do que nos defenden e dan a cara polas siglas do PP”. Así mesmo, definiuno como “magnífico” e “boa persoa” ao tempo que asegurou que terá a axuda de todos os presidentes provinciais entre os que se atopa el mesmo, como dirixente na provincia de Pontevedra. 


“Ata sempre, aquí sigo e grazas de corazón “ concluíu.