Clausurado el congreso del Partido Popular de Galicia con un renovado compromiso de Feijóo cara a un nuevo tiempo

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)


Na clausura do Congreso autonómico do PPdeG

Feijóo converte a honra de presidir o PPdeG no compromiso de non deixar de traballar “nin un minuto” por unha Galicia orgullosa de si mesma, do que fai e que ten o seu futuro só nas mans dos galegos


  • Indica que renovou o partido e renova o seu compromiso porque cómpre estar preparados para o que queda por diante: renovar Galicia
  • Dá a súa palabra de que “hoxe, coma sempre, traballarei ao máximo e pelexarei con todas as miñas forzas por Galicia”. “Imos traballar todos xuntos co obxectivo de dalo todo”, garante
O presidente electo do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que vai converter a honra de volver a liderar o partido na obriga e no compromiso de non deixar de traballar “nin un minuto” por unha Galicia orgullosa do que é, do que sente e do que fai, e que ten o seu futuro só nas mans dos galegos.

O líder do PPdeG agradeceu a confianza depositada nel por parte dos militantes e asegurou que sabe o que supón a responsabilidade de presidir o partido; de dar a cara polos 100.000 afiliados e ser o portador da ilusión e esperanza de tantos galegos; de manter o listón máis alto que o dos demais; e do reto de acadar o que ningún outro partido en ningún outro lugar acadou. 
Feijóo pediu o  apoio e implicación de toda a formación para seguir traballando “todos xuntos” por Galicia, tal e como sucedeu en 2009, en 2012 e como sucederá en 2016.

ORGULLOSOS DE GALICIA
Segundo Feijóo, en Galicia hai unha política responsable ante a frivolidade que afundiu o pasado e que agora quixo bloquear o futuro; hai un partido unido, democrático e autoesixente, que se renova e exerce un servizo público con humildade; hai un país que dá exemplo, que axuda e se une. 

Por iso, o presidente do PPdeG reivindicou a política que se fai en Galicia e fixo fincapé en que non se xogou cos cartos dos cidadáns nin co seu futuro, senón que se xestionou con seriedade e sensibilidade. Así, a economía da comunidade crece e o paro baixa; o sector primario segue a ser prioritario; hai máis investimento e innovación; hai máis profesores, máis idiomas, máis tecnoloxía no ensino público; hai unha universidade accesible; hai máis hospitais públicos, centros de saúde e tecnoloxía sanitaria; hai máis servizos sociais; máis apoio a quen máis o precisa; maiores respaldos ás familias e menos e máis baixos impostos cada ano.
Con respecto a isto, Feijóo engadiu que, se ben noutros lugares non hai unidade, equipo, renovación, proxecto en positivo, estabilidade nin goberno, en Galicia si o hai grazas ao PPdeG. Nesta liña, sinalou que en España non hai maiorías, pero en Galicia si, e os populares vanse esforzar porque así siga sendo. 
Por este motivo, afirmou que, malia que aínda quedan metas que acadar, Galicia non ten nada do que acomplexarse fronte a ninguén en España, nin nada que envexar nin que imitar. Por iso, amosouse orgulloso de Galicia e apuntou que sempre buscará mellorala pero non a cambiará por nada.
O presidente electo do PPdeG puxo a Galicia como exemplo e aos galegos como guías e, neste senso, reivindicou “máis Galicia” fronte a muros entre territorios, ideoloxías, partidos e políticos; fronte á soberbia, a preocupación e o egoísmo; fronte á irresponsabilidade, a frivolidade e o bochorno. Segundo Feijóo, “máis Galicia” é máis convivencia, máis futuro, pero tamén máis España. 

UNHA GALICIA RENOVADA

O dirixente popular recoñeceu que Galicia avanzou e mellorou moito, pero iso só mostra que os populares son capaces de conseguir todo que queda por diante: unha Galicia que debe consolidar a súa recuperación; que debe funcionar como unha grande capital europea; que é o enlace de España con Portugal e de Europa con América; que se reinventa ao tempo que conta cos seus sectores tradicionais; que debe pechar o círculo das comunicacións para abrise aínda máis ao mundo; e unha Galicia que debe poñer en valor o seu patrimonio, xa sexa paisaxístico, natural, cultural e, sobre todo, demográfico.
Por iso, aposta por unha Galicia que apoie máis que en ningures ás nais e pais que deciden ter fillos e por iso quere unha Galicia que creza pola vía da innovación e da educación.
Por outra banda, o presidente electo do PPdeG indicou que renovou o partido –cunha renovación do Comité Executivo do 44,6%- e renova o seu compromiso porque cómpre estar preparados para o que queda por diante: renovar Galicia, para dar espazo a unha nova xeración de galegos; para identificarnos pola innovación e a tecnoloxía; para que o que nos identifica non sexa só algo do pasado senón parte do futuro; para non deixar de ser o que fomos e poder seguir sendo o que somos.
“Asumo hoxe este mandato co propósito de que Galicia se renove; é dicir, se prepare, se fortaleza e vaia por diante”, asegurou. “Fomos diante nas duras e temos que renovarnos para que Galicia vaia por diante tamén nas maduras”, abundou. 

Feijóo concluíu dando a súa palabra de que “hoxe, coma sempre, traballarei ao máximo e pelexarei con todas as miñas forzas por Galicia”. “Imos traballar todos xuntos co obxectivo de dalo todo por Galicia”, sentenciou.