UXÍO BENÍTEZ ASEGURA QUE A DEPUTACIÓN ESTUDARÁ AS DÚAS ACTUACIÓNS SOLICITADAS POLO CONCELLO DE MARÍN EN VÍAS PROVINCIAIS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Ademais das actuacións incluídas no Plan Móvese, a alcaldesa solicita o ensanche da ponte sobre o Loira e unha actuación na intersección entre as vías EP-1201 e EP-1202

O deputado provincial de Mobilidade recibiu hoxe á alcaldesa para coñecer as súas solicitudes en materia de infraestruturas

O deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, e a nova directora de área da institución provincial, Isabel Pardo de Vera, reuníronse hoxe coa alcaldesa de Marín, María Ramallo, para falar das necesidades das vías provinciais no municipio. Benítez asegurou que a Deputación estudará a viabilidade das dúas actuacións que o concello de Marín plantexa a maiores das accións xa solicitadas ao abeiro do Plan Móvese. Trátase do ensanche da ponte que pasa sobre o río Loira, situada na vía que vai do Seixo a Santo Tomé de Piñeiro (EP-1202); e unha actuación para regular a intersección entre dúas vías provinciais, no punto no que a EP-1201 que vai de Marín a Penizas se une coa EP-1202.
Os técnicos da Deputación de Pontevedra buscarán unha solución para o cruce entre a EP-1202 e a EP-1201, co obxecto de regular o tráfico neste punto que, segundo explicou a alcaldesa, soe ser bastante intenso sobre todo nos meses de verán. A proposta da alcaldesa pasa porque desde a Deputación se deseñe unha glorieta que permita unha circulación de vehículos máis fluída, polo que o equipo técnico provincial analizará a viabilidade desta solución adecuándoa ao novo decálogo de actuacións en estradas provinciais aprobado no pleno do 29 de xaneiro.  En canto á ponte situada na EP-1202, o equipo técnico provincial tratará de estudar  intervencións para o seu ensanche e solventar así os problemas derivados da pouca sección desta infraestrutura.


Así mesmo, a reunión de hoxe serviu tamén para coñecer as solicitudes que o Concello de Marín incluíu ao abeiro do Plan Móvese, relativo ás medidas de calmado do tráfico nas estradas provinciais ao seu paso por este municipio, a través de redutores físicos de velocidade de vehículos e paso de peóns sobreelevados, co obxectivo de mellorar a mobilidade e a seguranza viaria.