TURISMO-GALICIA PROMÓVESE EN PORTUGAL DENTRO DA FEIRA MUNDO ABREU

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
  • Trátase dun certame destinado ao público final organizado polo operador turístico máis importante do país veciño
  • O turismo galego promocionarase, así, en Portugal, o principal mercado emisor internacional da Comunidade galega
  • O número de turistas portugueses medrou un 14% en 2015 en relación ao ano anterior

 A oferta turística galega presentarase esta semana en Portugal, dentro da feira Mundo Abreu, un certame turístico organizado en Lisboa polo operador turístico Viaxes Abreu no que participan os axentes da compañía e varios destinos turísticos convidados, entre eles Galicia.

Viaxes Abreu é o principal operador turístico de Portugal e cada ano organiza unha feira para presentar as novidades da propia compañía no ámbito das viaxes turísticas e algúns destinos turísticos teñen a posibilidade de presentar a súa oferta ao público que asiste a este certame.

Está previsto que este ano, entre os días 9 e 10 de abril, asistan máis de 150.000 persoas, moitas das cales mercan as súas vacacións atraídas polas ofertas e descontos que se ofrecen no certame.

Galicia estará presente cun recinto aberto ao público a través do que se difundirá a oferta turística galega facendo fincapé nas posibilidades que ofrece a nosa comunidade para esta primavera e o próximo verán.

Demanda turística
Así, o turismo galego promocionarase en Portugal, o principal mercado emisor internacional da Comunidade galega. Con máis de 180.000 viaxeiros aloxados nos establecementos regrados de Galicia e preto de 320.000 noites o mercado portugués representou no pasado ano o 15,5% do total do turismo internacional da comunidade.


En 2015, este mercado superou nun 14% os niveis de demanda do anterior ano 2014. No que respecta a este ano 2016, no conxunto dos dous primeiros meses, o mercado portugués representou o 24% do total da demanda.