SINATURA DO PROTOCOLO DE IRMANDAMENTO ENTRE ARTEIXO E VILA NOVA DE FAMALICÃO

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O delegado territorial da provincia da Coruña, Diego Calvo, gabou a iniciativa dos dous concellos e felicitouse pola forza que transmite á alianza estratéxica entre Galicia e o norte de Portugal 

A XUNTA ASISTE AO ACTO DE SINATURA DO PROTOCOLO DE IRMANDAMENTO ENTRE ARTEIXO E VILA NOVA DE FAMALICÃO      

  • O alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, xunto ao seu homólogo luso, Paulo Cunha, mostraron a súa disposición a colaborar para a consecución de fondos europeos conxuntos e para o intercambio e posta en marcha de programas de formación destinados á industria do téxtil
  • Calvo calificou o acordo de “unión de culturas e un firme compromiso de colaboración futura”
  • Asegurou que Arteixo e Vila Nova de Famalicão son os mellores expoñentes no eido téxtil na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal 
  • Agradeceu a implicación da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Porgugal neste proxecto e tamén a prestada pola Asociación Textil e Vestiario de Portugal e por COINTEGA   

 O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asistiu esta mañá á ceremonia de sinautura do Protocolo de Irmandamento entre Arteixo e Vila Nova de Famalicão por parte dos dous alcaldes, Carlos Calvelo e Paulo Cunha. 

O acto tivo lugar na Cámara Municipal de Famalicão e contou tamén coa presenza do vicepresidente do CCDR-N (Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte), Carlos Neves, e con representantes da Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal e membros da ATP (Asociación Textil e Vestiario de Portugal) e de COINTEGA (Confederación de Industrias Textiles de Galicia). 

Durante a súa intervención, Diego Calvo eloxiou o paso dado polos dous concellos para a súa alianza e agradeceu tamén o apoio das organizacións empresariais implicadas xa que, explicou, “isto é máis que un irmandamento entre dous pobos: esta é unha unión de culturas e unha unión de dous dos núcleos do sector téxtil máis fortes de Galicia e o Norte de Portugal”. 

Explicou ademais que este proxecto de colaboración nace dunha visión común para deseñar estratexias de desenvolvemento cara a unha optimización dos recursos humanos, económicos, naturais e culturais de dous pobos e, fundamentalmente, para o aproveitamento conxunto das súas potencialidades no eido téxtil. 

“Vila Nova de Famalicão e Arteixo, como en xeral toda a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, veñen demostrando unha fe inquebrantable no traballo conxunto”, apuntou o delegado territorial, que lembrou que esa fe non se quebrou nos anos máis duros da crise económica, xa que “entón, volvemos confiar na unión de esforzos para xestionar con eficiencia e eficacia os recursos e poder así garantir a prestación dos servizos públicos”. 
Neste senso, explicou que, ante as dificultades económicas, “Galicia e mais o Norte de Portugal optamos por enraizarnos nesa rede de apoio mutuo que representa Europa e procuramos a colaboración e a axuda dos europeos que temos máis preto”. 

No que respecta á alianza entre os dous municipios, Diego Calvo ofreceu “todo o apoio da Xunta de Galicia” e mostrouse convencido de que o irmandamento abrirá as portas a un traballo conxunto de promoción de actividades económicas e de potenciación do emprendemento: á colaboración en materia de educación, turismo e lecer; ao aproveitamento conxunto das potencialidades dos dous territorios; ou á promoción simultánea das riquezas de Arteixo e Vila Nova de Famalicão. 

Antecedentes 
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal ten, entre as súas liñas de traballo, a de potenciar o achegamento e a integración entre as institucións da Eurorrexión.

Dentro desta liña, puxo en marcha un programa de irmandamentos entre os concellos da Eurorrexión, pero dun xeito novidoso, xa que neste caso buscouse sempre a existencia dun nexo común entre os concellos que se quixeran irmandar.

Así, propiciáronse achegamentos en base a unha proximidade xeográfica e unha ponte (Tui-Valença ou Salvaterra-Monção), a súa relación como vilas termais (Caldas de Reis e Vizela), a gastronomía ao redor do carneiro (Moraña e Baião) ou, como neste caso, a súa importancia no sector do téxtil, a moda e o vestiario (Arteixo e Famalicão).

Ambalas dúas vilas xogan un papel sobranceiro nun sector tan importante para a Eurorrexión como é o téxtil. 

Os traballos para acadar este irmandamento comezaron hai xa un ano, logo dunha visita de representantes do municipio de Famalicão a Arteixo na que se puxeron os alicerces para esta colaboración, que non quedará en algo puramente institucional, xa que desde aquela primeira visita téñense mantido importantes contactos no eido do sector téxtil.