Sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea rexeita o recurso de Holanda e avala o sistema español de tax lease

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)


O presidente da Xunta referiuse así á sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que rexeita o recurso de Holanda e avala o sistema español de tax lease

FEIJÓO: “HOXE O SECTOR NAVAL TEN MÁIS SEGURIDADE XURÍDICA E TEN MAÍS DESPEXADO O SEU FUTURO ECONÓMICO”
  • Asegura que a sentenza feita pública hoxe polo alto tribunal da UE “pon fin aos recursos” e, polo tanto, “traslada que o sistema de tax lease español é conforme á lexislación europea”
  • Sostén que todos os contratos, tanto para os estaleiros como para os armadores, son agora contratos seguros que “están blindados” por esta decisión xudicial que esgota a vía xurisdiccional no ámbito europeo
  • Lembra que este preito cos estaleiros holandeses “causou danos moi difíciles ao sector naval durante 24 meses” 
  • Felicita ao sector por esta “boa nova” e por “ir unidos” xunto coa Administración pública, a Avogacía do Estado e as comunidades autónomas
- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, celebrou hoxe a sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que avala o tax lease español fronte ao recurso presentado por Holanda contra este sistema de financiamento na construción de buques, e considerou que, grazas a esta decisión, “hoxe o sector naval ten máis seguridade xurídica e ten máis despexado o seu futuro”. 

O mandatario galego asegurou que a sentenza feita pública hoxe polo alto tribunal da UE “pon fin aos recursos” e, polo tanto, “traslada que o sistema de tax lease español é conforme á lexislación europea”. Isto supón, engadiu, que todos os contratos, tanto para os estaleiros como para os armadores, son agora contratos seguros que “están blindados” por esta decisión xudicial que esgota a vía xurisdiccional no ámbito europeo, dixo.

Segundo recoñeceu, este preito cos estaleiros holandeses “causou danos moi difíciles ao sector naval durante 24 meses” como consecuencia desta denuncia de Holanda e da decisión do Comisario da Competencia.

Por todo iso, Feijóo quixo felicitar ao sector por esta “boa nova” e por “ir unidos” xunto coa Administración pública, a Avogacía do Estado e as comunidades autónomas.