Se alcanzan ya los 721 productores : crece el interés por la agricultura ecológica en Galicia

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

A conselleira do Medio Rural presentou hoxe o balance do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica 2015, no que se observa un interese crecente por este tipo de produción que alcanza as 20.306 hectáreas de superficie na nosa comunidade 
Na presentación estivo o presidente do Craega, José Antonio Fernández, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias
Ángeles Vázquez valorou a boa marcha deste sector que supón unha alternativa máis de desenvolvemento para o rural

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presentou esta mañá o balance de 2015 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica que vén demostrar o interese crecente dos produtores por este tipo de negocio en Galicia. En concreto, o pasado ano creceu un 13% o número de inscritos nos rexistros do Craega, chegándose ás 721 persoas. 

A titular de Medio Rural estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e o presidente do Craega, José Antonio Fernández, que explicou que destas 721 persoas, 558 son produtores agrarios e 163 elaboradores e comercializadores. En 2014 estas cifras estaban en 638 operadores dos que 528 eran produtores e 110 elaboradores. A estas cifras habería que sumar 46 acuicultores en 2015.

Tamén a superficie dedicada á agricultura ecolóxica medra en 5.073,4 hectáreas. Pasa de 15.233 no 2014 a 20.306,36 no pasado exercicio, o que supón un aumento do 33,3%. A provincia máis destacada é Lugo con 9.652,42ha e un crecemento do 36,1%, seguida de Ourense con 8.091,51ha e un incremento do 34,5%. Respecto ao tipo de produción Pontevedra destaca en acuicultura mentres Lugo en produción vexetal e animal con 121 operadores e 146 explotacións, respectivamente.    

Ángeles Vázquez destacou a boa marcha deste sector que supón unha alternativa máis de desenvolvemento para o rural. De feito, o crecemento do volume de ventas certificadas en ecolóxico alcanzou o 6,76%, chegando aos 33,3 millóns de euros en 2015. “Son datos alentadores que demostran a importancia económica deste sector”, sinalou Vázquez, deixando claro que “Medio Rural aposta polo ecolóxico e así se pon de manifesto no incremento do 20% das axudas aos consellos reguladores”. 

O leite entre o produtos de máis peso
Segundo o tipo de produción, o que máis peso ten en canto a volume de negocio é o leite con moita diferenza. O ano pasado superáronse os 9,9 millóns de euros neste ámbito, o que se traduce nunha subida do 4,6%. Séguenlle as carnes e derivados con 4,1 millóns e un crecemento do 8,6% respecto ao exercicio anterior e as conservas de pescado, tamén cun volume de negocio de 4,1 millóns e un aumento do 13%.

En canto ao crecemento, o gran aumento vén do ámbito dos cereais ecolóxicos. O seu volume de negocio medrou un 479% pero aínda se sitúa nos 4.400 euros. Tamén é destacado o incremento dun 134,72% das conservas vexetais cuns resultados de 721.638 euros.

Casos de éxito
Tras a presentación de resultados do 2015, a conselleira visitou tamén a sede de varias empresas co selo do Craega asentadas no polígono de Chantada como son Castañas Naiciña, Custom Drinks e Galletas Mariñeiras. 

A primeira delas, como o seu nome indica, dedícase á manipulación, envasado e comercialización de produtos derivados da castaña: castaña fresca, conxelada, seca, crema de castañas, puré, marmeladas... comercializadas baixo as marcas Naiciña, Flor do Miño e Castiñeiro, baixo o amparo ademais da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia. A súa facturación é de entorno a 1,3 millóns (60% nacional e 40% internacional) cunha produción duns 497.000 quilos ao ano. Dende a Consellería de Medio Rural tense colaborado con ela cunha achega total de 372.856 euros dende o 2006.

Pola súa banda, Custom Drinks (antiga Sidrería Galega) percibiu dende 2003 un total de 2,4 millóns de euros en axudas. Esta fábrica produce 1.994.156 litros de bebidas refrescantes e enerxéticas e outros 1.433.555 de sidra convencional e ecolóxica, ademais de sangría, mostos e tónica.

Por último, a empresa familiar Galletas Mariñeiras, que produce galletas salgadas, nace en 2005 e dende entón contou cunhas achegas autonómicas de 780.989 euros. Xa acadou un volume de negocio de máis de 1,4 millóns euros, dos cales o 58% corresponden a exportación a Portugal e Reino Unido. O 30% distribúese en Galicia e o restante 12% no resto do Estado.


Ángeles Vázquez sinalou que todas estas compañías son exemplos de éxito e demostran que se pode seguir a traballar do rural apostando pola innovación e transformación.