Rueda: “Que nin a Oposición poida descartar que revalidemos a maioría absoluta é un bo punto de partida”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
Di que no PPdeG non hai autodescartes e que entre todos escollerán e apoiarán ao novo secretario xeral dos populares  
Alfonso Rueda
Recoñece que faltou contundencia nalgúns casos de corrupción pero que tamén se tomaron medidas para que este problema desapareza e se esixiron responsabilidades 
 “Votar a Ciudadanos pode provocar que fagan presidente a un socialista”, sinala lembrando que o partido de Rivera incumpriu todas as súas afirmacións nos últimos meses 

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que o feito de que nin a oposición sexa quen de descartar que o PPdeG revalide a súa maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas é un bo punto de partida. Nunha entrevista concedida  á Radio Galega, o dirixente admitiu que o obxectivo de acadar outra maioría é difícil, pero lembrou que tamén o era en 2009 e lográrono, tal e como volveu ocorrer no 2012. “O que temos que facer é explicar o que fixemos, recoñecer os fallos que tivemos e dicir o que queremos facer”, engadía. No tocante aos posibles candidatos para substituílo como secretario xeral, Rueda aseverou que hai que esperar ata o Congreso autonómico do partido para coñecelos. 
Así, a diferenza doutras formacións, o mandatario apuntou que no PP non hai autodescartes e sinalou que esa decisión non será unha cuestión de apetencias persoais, senón que entre todos escollerán e apoiarán ao elixido. Por outra banda, o dirixente tamén afirmou que é unha realidade innegable que a corrupción ten feito moito dano á clase política, e recoñeceu que “seguro que nalgúns casos faltou contundencia”. Malia isto, o secretario xeral afirmou que a xente tamén ve que se toman medidas para que non se produzan novos casos e se esixen responsabilidades onde os houbo. Ao mesmo tempo tamén aclaraba que o camiño tampouco é considerar que todo o mundo é culpable ou que a presunción de inocencia é un dereito que non hai que ter en conta. Así mesmo, apuntou que os cidadáns tamén empezan a comprobar que todas as medidas tomadas durante a crise empezan a ter un sentido, as cousas comezan a mellorar e Galicia está en mellor situación que outras comunidades. 
 Por estes motivos, Rueda indicou que, agora mesmo, a previsión é que as eleccións se celebren en outubro, aínda que manifestaba que “formamos parte de España e non podemos ser alleos a súa situación política”. Fronte ao que acontece a nivel nacional, o mandatario resaltaba que ter un goberno con maioría absoluta como o de Galicia é moi importante para tomar unha serie de medidas e que “ese é o valor da estabilidade que da resultados”. 

RIVAIS POLÍTICOS .- “Votar a Ciudadanos pode provocar que fagan presidente a un socialista”, dicía Rueda ao tempo que afirmaba que o único que asegura que goberne o PP é votar directamente polos populares. Desta maneira se expresaba o secretario xeral ao ser preguntado polos rivais políticos, sinalando que Ciudadanos, pese a levar tempo en Galicia, “non ten estrutura, non se coñecen ás persoas e non ten implantación na nosa comunidade”. 
Ademais, recordou que a nivel nacional incumpriron unha por unha as súas afirmacións como que non apoiarían a candidatos que non foran o gañador ou que non pactarían co PSOE. Nesta liña lembrou que houbo moitos gobernos que o pasado mes de xuño se formaron co único nexo de que non gobernara o PP e, pasados os meses, xa se ve que non funcionan. “Alí non goberna ninguén, peléxanse entre eles, non se falan, só hai desgoberno”, engadía. 
 Durante a entrevista, Rueda tamén lamentou a actitude incoherente do PSOE, que decide torpedear as fusións de concellos en Galicia a pesar de que a nivel estatal asinaron un pacto con Ciudadanos no que acordaban que había que promocionalas.