OS PRODUTOS AGROALIMENTARIOS E DO MAR DE GALICIA TERÁN UNHA PRESENZA DESTACADA EN “ALIMENTARIA 2016” DA MAN DA XUNTA

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, e a conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitarán a feira para apoiar ás empresas e consellos reguladores do agro e do mar de Galicia 
Ambas consellerías estarán representadas na feira con diferentes postos que albergarán máis de 90 empresas galegas do eido alimentario do agro e do mar

Galicia terá este ano unha presenza destacada na feira Alimentaria, que se celebra desde mañá luns e ata o vindeiro xoves en Barcelona. As consellerías do Medio Rural e do Mar, en colaboración con diferentes empresas e consellos reguladores, farán promoción dos produtos do agro e do mar da nosa Comunidade neste certame, ao que tamén se desprazarán as titulares de ambos departamentos, Ángeles Vázquez e Rosa Quintana.

Ambas consellerías estarán representadas na feira con diferentes postos que albergarán máis de 90 empresas galegas do eido alimentario do agro e do mar. Á súa participación nesta feira as consellerías de Medio Rural e de Mar destinan máis de 547.000 euros. 

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, asistirá mañá luns á presentación do queixo da SAT Don Crisanto galardoado como ‘mellor queixo madurado de vaca no 2015’, no marco deste salón. Ángeles Vázquez apoiará coa súa presenza ás empresas do agro representadas neste certame.

Por outra banda, a titular de Mar, Rosa Quintana, asistirá á feira mañá e o martes, día no que estará acompañada polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, para apoiar ás empresas galegas do mundo do mar. 

Agro
No eido agroalimentario, a Xunta participa en Alimentaria 2016 directamente con tres postos noutros tantos pavillóns sectoriais: Intercarn (carne), Interlact (lácteo) e Múltiple Foods (multiproduto). Ademais, tamén apoia a presenza dos viños e augardentes galegos no salón Intervin, colaborando cos seus respectivos consellos reguladores. 

En total, serán preto de 70 as empresas do agro galego que participarán en Alimentaria 2016, de sectores tan diversos como a produción de leite, queixos, carne de vacún, coello, ovos, castaña, pataca, croquetas, pan, empanadas ou sobremesas.

A presenza destas empresas compleméntase coa promoción das diferentes indicacións xeográficas e denominacións de orixe galegas e coa organización de multitude de degustacións e catas de produto ao longo de toda a feira.

Mar
Ademais a Consellería do Mar participará neste evento cun posto institucional de 440 m² de zona expositiva e dividido en dúas illas na área Expoconser, situada dentro do salón denominado Multiple Foods, unha área nova que incorpora esta edición de Alimentaria. 


Este posto dará cabida ás 26 empresas e entidades galegas coexpositoras do sector pertencentes ás áreas da pesca, conxelado e conserva. O posto da Consellería tamén conta cunha área destinada a centro de negocios, na que as empresas poden manter encontros para ampliar o seu mercado.