3/4/16

O PP logra na Deputación unha declaración institucional conxunta a favor das persoas con discapacidade

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Nídia Arévalo
A voceira popular Nidia Arévalo defendeu que sexan considerados cidadáns de pleno dereito.
Solicitan que as administracións poñan todo o que estea na súa man para facelo realidade.

O grupo provincial do Partido Popular conseguiu arrancar unha declaración institucional conxunta na Deputación de Pontevedra pola plena cidadanía das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento. Deste xeito, todos os grupos quixeron unirse á moción que presentaron os populares, elaborada en base a un manifesto da asociación ACEESCA, e que pide que todas as administracións públicas poñan todo o que estea nas súas mans para facelo realidade.
Na súa intervención, a voceira do PP Nidia Arévalo dixo que “as persoas con discapacidade loitan porque necesitan que os consideren cidadáns de pleno dereito, queren participar na sociedade, na súa comunidade e nos seus barrios. Non obstante, todos os días viven situacións nas que moita xente non respecta os seus dereitos”. 

Nesta liña, puxo como exemplos que outras persoas deciden por eles sen telos en conta; senten discriminación; atópanse con barreiras arquitectónicas que lles impiden moverse con liberdade ou con carteis informativos que non entenden; durante anos prepáranse moi ben en centros ocupacionais pero logo non teñen oportunidades de conseguir traballo; tampouco teñen moitas oportunidades de aprender, porque non teñen a axuda que necesitan na educación; moitos deles non poden ter unha parella e formar unha familia; outras persoas néganlles a sexualidade; ou mesmo lles impiden participar na comunidade como o resto de cidadáns.
Por este motivo, todos os partidos da corporación provincial sumáronse para reivindicar que:
As persoas que padecen algún tipo de discapacidade queren un trato de igual a igual, de adulto, de cidadán. Para isto, necesitan o apoio de todos, o apoio dos gobernos e o dos medios de comunicación. Necesitan que os medios dean á sociedade unha imaxe positiva e inclusiva deles.
Piden a xuíces, avogados, médicos e fiscais que os coñezan e se informen. Teñen que coñecelos ben antes de asinar as súas sentenzas de incapacitación. Son capaces de facer moitas cousas e de tomar decisións.
Necesitan cidades e vilas accesibles para poder participar, entender a información, pasear polas rúas e entrar nos sitios públicos. Temos que preguntarlles como facelo, porque queren colaborar con nós para conseguilo entre todos. 
A educación é un dereito de todos. Piden axuda aos profesionais e ás Asociacións de Nais e Pais (ANPAS) para ter unha educación de calidade para todos. 
Día a día fórmanse para traballar. Esixen que as empresas e administracións cumpran coa lei e reserven emprego para as persoas con discapacidade. Esixen aos sindicatos que os defendan.
Prepáranse para ser independentes e vivir como calquera persoa. Poden facelo. Só necesitan apoio para conseguilo. 
Piden ao movemento FEAPS (Confederación Española de Organizacións en favor das Persoas con Discapacidade Intelectual) que aumente a creación de grupos de autoxestores en todas as entidades. Nos grupos de autoxestores poderán prepararse para formar parte activa das Xuntas Directivas das súas asociacións. Así poderán participar nas decisións.
Esixen aos responsables de asociacións veciñais, culturais, deportivas e de ocio que cumpran as normas de acceso ás súas instalacións. Igual que eles cumpren con todas as normas que lles esixe a sociedade..

En definitiva, o que se pretende con esta declaración institucional conxunta é instar a todas as administracións públicas a que poñan todo o que estea nas súas mans para todo o exposto anteriormente se transforme en accións concretas.