11/4/16

O III FORO DA BIOMASA ANALIZARÁ A APLICACIÓN DESTA FONTE ENERXÉTICA EN ÁMBITOS COMO O AGROALIMENTARIO E O SECTOR SERVIZOS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoces, inaugurará este encontro o próximo venres, 15 de abril Celébrase no marco da I Feira da Enerxía de Galicia, que terá lugar dos días 14 ao 16 na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda 

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), organiza o próximo venres, 15 de abril, o III Foro da Biomasa de Galicia, no que se analizará a aplicación desta fonte enerxética en eidos como o agropecuario, o agroalimentario ou o sector servizos. Este encontro terá lugar no marco da I Feira da Enerxía de Galicia, que se celebrará esta semana, dos días 14 ao 16, na Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Tahoces, encargarase de inaugurar este encontro no que se abordarán distintos aspectos de interese relacionados con esta fonte enerxética. Así, expoñeranse as liñas de acción da Estratexia Integral de Impulso da Biomasa en Galicia da Xunta, sendo os encargados de facelo o director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández-Couto; a directora da Área de Centros de Gain, Sonia Pazos; e o director de Enerxía e Planificación Enerxética do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Emérito Freire. O foro tamén incluirá un panel técnico no que Miguel Castrillón Fagil, da Federación Galega de Asociacións Provinciais Empresariais de Fontanería, Calefacción, Gas, Climatización, Mantemento e Afíns (Fegafón) analizará o etiquetado enerxético en caldeiras e estufas de biomasa, mentres que un representante de Tragsatec expoñerá a viabilidade técnica e económica da biomasa térmica no sector agroalimentario. Así mesmo, terá lugar un panel de usos sectoriais en Galicia, o cal estará moderado por Gonzalo Piñeiro, técnico de Gain-CIS Madeira, e que analizará a aplicación da biomasa nos sectores agropecuario, de servizos, público e tamén no das panaderías. Neste sentido representantes de Avícola Portela, Balneario de Mondariz, o Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e Panaderías da Cunha falarán sobre as súas experiencias. Solucións con biomasa para municipios en Galicia No marco deste III Foro da Biomasa de Galicia celebrarase un bloque temático organizado pola Asociación Española de Valorización Energética de la Biomasa (AVEBIOM), o cal se desenvolverá baixo o título Conecta Bioenergía: solucións con biomasa para municipios en Galicia. Este tema será introducido por Juan Jesús Ramos, coordinador do Observatorio Nacional de Calderas de Biomasa (ONCB) de AVEBIOM, quen falará sobre a biomasa térmica en Galicia. A continuación, representantes municipais aportarán casos de uso da biomasa en edificios e equipamentos públicos nos concellos de Xove e Palas de Rei (Lugo) e de Vilamarín (Ourense). A Xunta, a través do Inega, forma parte do comité organizador da Feira da Enerxía de Galicia, que na súa primeira edición, ademais de acoller o Foro da Biomasa de Galicia, conta cunha trintena de federacións, confederacións, asociacións, clusters, colexios oficiais e empresas enerxéticas.