FEIJÓO SALIENTA O LUGAR PRIORITARIO QUE OCUPA A SANIDADE PÚBLICA NO SISTEMA DE FINANCIAMENTO DAS COMUNIDADES AUTÓNOMAS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O titular da Xunta participou esta tarde na inauguración do XII Congreso da Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en Mondariz
  • Pon en valor o esforzo realizado polas administracións públicas nos anos máis difíciles da crise para que hoxe a sanidade pública en España siga sendo recoñecida como “unha das mellores de Europa”
  • Considera a sanidade como “o servizo público por excelencia”, e resalta que para unha Comunidade o seu mantemento supón arredor do 40 por cento do gasto público
  • “Temos que ser os primeiros do mundo en transplantes de órganos, en incorporar medidas e medios diagnósticos, na accesibilidade e equidade do sistema, e en garantir o seu financiamento e viabilidade para as futuras xeracións”, remarca
 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, lembrou hoxe o lugar prioritario que ocupa a sanidade pública no sistema de financiamento das comunidades autónomas e, nese sentido, recoñeceu o esforzo que leva realizado Galicia no tocante ao control do déficit para manter un servizo sanitario público equitativo e de calidade.

O mandatario galego participou hoxe na inauguración do XII Congreso da Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), onde puxo en valor o traballo realizado polas administracións públicas nos anos máis difíciles da crise para que hoxe a sanidade pública en España siga sendo recoñecida como “unha das mellores de Europa”.

Feijóo considerou a sanidade como “o servizo público por excelencia”, e resaltou que para unha Comunidade o seu mantemento supón arredor do 40 por cento do gasto público. Por iso, destacou a importancia do cumprimento do déficit para sustentar a capacidade das administracións de seguir atendendo os servizos públicos e as obrigas, por exemplo, coas farmacias.

O titular do Goberno galego puxo tamén de relevo o esforzo investidor da Xunta, incluso nos anos de recesión, para ampliar e modernizar as infraestruturas sanitarias en Galicia, coa construción de máis centros de saúde e hospitais. E, na mesma liña, referiuse á achega de 80 millóns de euros que está a destinar para renovar a tecnoloxía sanitaria do Sergas, incorporando por exemplo novos aceleradores liñais, mamógrafos ou TAC.

“Temos que ser os primeiros do mundo en transplantes de órganos, en incorporar medidas e medios diagnósticos, na accesibilidade e equidade do sistema, e en garantir o seu financiamento e viabilidade para as futuras xeracións”, remarcou.

Feijóo concluíu agradecendo o traballo profesional que realizan os informadores da saúde a quen instou a defender a información prudente e responsable.