8/4/16

FEIJÓO REFÍRESE A PORTO DO MOLLE COMO UN PUNTO DE ENCONTRO ENTRE INVESTIGADORES E EMPRENDEDORES PARA CONVERTER GALICIA NUN REFERENTE EUROPEO NOS SECTORES AERONÁUTICO E AEROESPACIAL

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O titular da Xunta presidiu o acto de inauguración do Edificio Tecnolóxico Aeroespacial no parque empresarial de Nigrán
Núñez Feijóo
  • “Estamos contribuíndo a crear un espazo propio para que os investigadores, os tecnólogos, as empresas, as universidades e os centros de coñecemento traballen xuntos”, di
  • Incide en que este sector xera emprego de calidade e de alta cualificación e ten un elevado valor engadido e moito potencial de crecemento, ademais de exercer un potente efecto de arrastre e impulso sobre outros sectores industriais e de servizos
  • Salienta que “Nigrán  será o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía, cunha sede de Inaer —unha das principais empresas do sector— e a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. E o outro centro neurálxico estará en Rozas na sede do Centro de Investigación Aerotransportada”

 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, referiuse hoxe a Porto do Molle como un punto de encontro entre investigadores e emprendedores para converter Galicia nun referente europeo nos sectores aeronáutico e aeroespacial. “Estamos contribuíndo a crear un espazo propio para que os investigadores, os tecnólogos, as empresas, as universidades e os centros de coñecemento traballen xuntos”, dixo, en referencia ao novo Edificio Tecnolóxico Aeroespacial en Nigrán.

Durante o acto de inauguración deste edificio, Feijóo avogou por seguir apostando pola innovación académica e pola innovación empresarial e afirmou que para reforzar esta aposta é preciso xerar confianza e para iso é necesario que Galicia teña un marco lexislativo estable, atraer investimentos foráneos e propoñer unha visión estratéxica que permita captar fondos europeos. É necesario tamén potenciar un ecosistema innovador: reter o talento e reforzar o tecido de centros do coñecemento, como as universidades ou os centros tecnolóxicos.

Logo de asegurar que este novo edificio permitirá impulsar o sector aeronáutico e aeroespacial, Feijóo afirmou que nel colaborarán algúns dos mellores enxeñeiros de Galicia, os que investigan en centros tecnolóxicos como Aimen e Gradiant e na Universidade de Vigo. “E tamén será, nun futuro, un polo que atraia aos titulados no grao en Enxeñaría Aeroespacial que ofrecerá esta Universidade no seu campus de Ourense”, dixo, engadindo que en Porto do Molle tamén traballarán emprendedores innovadores do sector tecnolóxico, aeroespacial ou que impulsen calquera iniciativa intensiva en coñecemento.

Así mesmo, precisou que este centro estará tutelado pola Fundación Centro de Innovación Aeroespacial (Cinae). “Os grupos de investigación de AtlantTic e as escolas de Enxeñaría Industrial e Minas estarán traballando ombro con ombro co Cinae, que tamén contará co apoio da Xunta no eido da financiación”, explicou.

Por outra banda, lembrou que Galicia non parte de cero: conta cun tecido industrial relacionado coa mecánica de precisión e cos materiais avanzados no sector da automoción e cun ecosistema investigador rico en persoas.

Ao fío disto, Feijóo recalcou que en 2008 un grupo de investigación da Escola de Enxeñería de Telecomunicacións gañou un concurso da Axencia Espacial Europea para lanzar un satélite artificial (picosatélite). E, desde entón, a Universidade de Vigo lanzou tres satélites con éxito, está próxima a lanzar o cuarto e participa en proxectos tan prestixiosos como unha iniciativa da NASA que ten como obxectivo desviar a traxectoria dun meteorito.

“Estes dous factores anímannos a lanzar unha decidida aposta por converter Galicia nun referente europeo a nivel aeroespacial”, recoñeceu o presidente da Xunta, facendo fincapé en que este sector xera emprego de calidade e de alta cualificación, ten un elevado valor engadido e moito potencial de crecemento e exerce un potente efecto de arrastre e impulso sobre outros sectores industriais e de servizos.
“En definitiva, aquí se dan cita institucións, investigadores e empresas para colaborar na creación dun polo aeroespacial con dous centros neurálxicos: Nigrán, que será o núcleo do sistema de intercambio de tecnoloxía, cunha sede de Inaer —unha das principais empresas do sector— e a unidade de instrución e formación de operadores de sensores. E o outro centro neurálxico estará en Rozas na sede do Centro de Investigación Aerotransportada”, concluíu.
Sobre esta última localidade, Feijóo lembrou que acollerá un parque industrial e tecnolóxico de sistemas aéreos non tripulados para uso civil. “Tras un proceso competitivo no que nove compañías de primeiro nivel presentaron as súas ofertas, finalmente Indra e Inaer impulsarán un proxecto conxunto que mobilizará 115 millóns de euros de investimento público-privado e creará 600 postos de traballo”, explicou.
“Todo isto significa, polo tanto, que entre Nigrán, a facultade de Enxeñaría Aeroespacial en Ourense e o centro de Rozas, Galicia ten unha ocasión de construír un novo sector económico”, concluíu