6/4/16

FEIJÓO RECOÑECE O LABOR DOS GALARDOADOS COAS MEDALLAS DO PARLAMENTO DE GALICIA E AFIRMA QUE GRAZAS AO SEU TRABALLO A CÁMARA GALEGA É “A CATEDRAL DA PALABRA”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O titular da Xunta presidiu este mediodía o acto de imposición de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia
  • “Antón Rosón, Tomás Pérez Vidal, Victorino Núñez, José María García Leira, Dolores Villarino e Pilar Rojo. A medalla que hoxe se lles concede é unha distinción axeitada e oportuna”, di; e subliña que grazas a eles, o Parlamento non foi só a clave de bóveda do templo político autonómico, “senón sobre todo a gran referencia social do país”
  • Subliña que todos eles encamiñaron conflitos, mitigaron inimizades que semellaban insuperables e demostraron que a antítese amigo-inimigo pode substituírse por outra que alude a adversarios ou opoñentes
  • Sostén que “o Parlamento consignado no noso Estatuto de Autonomía non fixo máis que darlle forma a un sentimento latente no noso carácter”
  • Lembra que o Parlamento é unha proba vixente de que as reformas progresivas son moito máis eficaces e duradeiras que as rupturas expeditivas
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, recoñeceu hoxe o labor dos galardoados coas Medallas do Parlamento de Galicia e afirmou que grazas ao seu traballo a Cámara galega é “a catedral da palabra”. “Antón Rosón, Tomás Pérez Vidal, Victorino Núñez, José María García Leira, Dolores Villarino e Pilar Rojo. A medalla que hoxe se lles concede é unha distinción axeitada e oportuna porque o seu labor podería quedar postergada por fitos en aparencia máis relevantes”, dixo, subliñando que grazas a eles, o Parlamento non foi soamente a clave de bóveda do templo político autonómico, “senón sobre todo a gran referencia social do país”.

Durante o acto de imposición, Feijóo afirmou que todos eles encamiñaron conflitos, mitigaron inimizades que semellaban insuperables e demostraron que a antítese amigo-inimigo pode substituírse por outra que alude a adversarios ou opoñentes. “A estas mulleres e homes debémoslles moito”, aseverou, afirmando que “a súa pegada está presente nunha Galicia diversa, feita con distintos afluentes, pero que é quen de compartir a idea básica de que a forza da razón é superior á razón da forza”.   

Ademais do traballo desenvolvido polos galardoados, Feijóo atribuíu o éxito do Parlamento galego, que pasados trinta e cinco anos segue a ser o centro, “o eixo e o núcleo da nosa vida pública”, á existencia dun Parlamento ‘implícito’ no pobo galego, “moito antes de que estes muros albergasen os seus representantes”. “Somos un país de palabras. O concepto ‘trato’ está marcado na nosa personalidade”, lembrou, ao que engadiu que “o Parlamento consignado no noso Estatuto de Autonomía non fixo máis que darlle forma a un sentimento latente no noso carácter”.

Así mesmo, o titular da Xunta avogou por non esquecer tampouco a calidade humana e intelectual dos políticos que participaron nesta tarefa común. “Son poucas e esquecibles as excepcións a unha norma xeral de servidores públicos empeñados en traer a este recinto a voz da xente, e levar á xente o traballo desta institución”, aseverou.

Durante a súa intervención, Feijóo asegurou que os parlamentos evidencian as eivas dos intolerantes, e remarcan a capacidade dos que dialogan. E, sobre este punto afirmou que “estes anos foron pródigos en diálogo”.

O presidente da Xunta concluíu resaltando que democracia e parlamento son termos indisociables: “Non hai democracia sen parlamento, nin parlamento sen democracia”, incidiu, lembrando que esa asociación entre estes dous conceptos fundamentais para a vida en común, vai fraguando durante moitos séculos de evolución desde os primitivos organismos estamentais ata as cámaras de hoxe. 


“O parlamentarismo é unha vella tradición que evoluciona, que mellora gradualmente, que deixa de ser un privilexio para converterse en dereito e garantía. O Parlamento é unha proba vixente de que as reformas progresivas son moito máis eficaces e duradeiras que as rupturas expeditivas”, abundou. E, nesta liña recordou que “aqueles países que viron interrompida a súa tradición parlamentaria, tiveron que atravesar épocas tráxicas das que tardaron en recuperarse; e os que se inspiraron na tradición para mellorala e adaptala, progresaron e solucionaron a súa complexidade con conflitos que nunca quebraron a súa unidade interna”.