FEIJÓO DESTACA QUE OS CIDADÁNS E AS EMPRESAS XA PODEN REALIZAR TRES DE CADA CATRO TRÁMITES DA XUNTA DE XEITO ELECTRÓNICO

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
NÚÑEZ FEIJÓO
  • Afirma que o Consello da Xunta autorizou hoxe unha orde para incorporar novos procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. En concreto, véñense de revisar case un cento de procedementos da consellería, dándose de baixa 47 por estar obsoletos e incorporándose 48 á sede electrónica
  • Asegura que así, a partir de agora, poderanse levar a cabo a través da rede procedementos tan relevantes como o Rexistro público de demandantes de vivendas; o depósito de fianzas; a autorización de transportes de uso especial; a xestión da renda básica de emancipación; ou os movementos de terras
  • Di que, con estas novas incorporacións, a sede electrónica da Xunta xa dispón de 1.140 procedementos accesibles a través da web
  • Lembra que só faltan dúas consellerías por incorporarse á sede electrónica da Xunta e confía en que, aproximadamente no verán, o Goberno galego finalice o Plan Achega no que se enmarcan estas iniciativas, de xeito que a Xunta sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que os cidadáns e as empresas galegas xa poden realizar tres de cada catro trámites da Xunta de xeito electrónico. 

Como sinalou o máximo responsable autonómico, o Consello da Xunta autorizou hoxe unha orde do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para incorporar novos procedementos da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. En concreto, véñense de revisar case un cento de procedementos da consellería, dándose de baixa 47 por estar obsoletos e incorporándose 48 á sede electrónica. 

Así, a partir de agora pasarán a estar preparados para admitir a súa presentación electrónica procedementos tan relevantes como o Rexistro público de demandantes de vivendas; o depósito de fianzas; a autorización de transportes de uso especial; a xestión da renda básica de emancipación; ou os movementos de terras. 

Nesta liña, o presidente da Xunta destacou que, con estas novas incorporacións, a sede electrónica da Xunta xa dispón de 1.140 procedementos accesibles a través da web. 

Como lembrou o máximo representante autonómico, esta iniciativa enmárcase no Plan Achega, en marcha desde 2014, co que se simplifican e melloran todos os procedementos administrativos da Xunta, aforrando diñeiro e reducindo tempos de tramitación a cidadáns e empresas. Segundo sinalou o titular do Goberno galego, os eixos centrais deste plan pasan por eliminar as esixencias aos cidadáns dos documentos que se vaian incorporando na plataforma, simplificar os procedementos e potenciar a sede electrónica da Xunta. 


Segundo Feijóo, só faltan dúas consellerías por incorporarse á sede electrónica da Xunta e confía en que, aproximadamente no verán, o Goberno galego finalice o Plan Achega, de xeito que a Xunta sexa unha oficina que funciona as 24 horas do día.