EDUCACIÓN E SANIDADE FORMARÁN AOS DOCENTES EN PRIMEIROS AUXILIOS, SOPORTE VITAL BÁSICO E DESFIBRILACIÓN EXTERNA PARA MELLORAR A RESPOSTA DE INTERVENCIÓN

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuiña asinaron hoxe un convenio de colaboración no CPI Domingo Fontán co fin de dotar ao profesorado destas habilitades, que despois lle transmitirán ao alumnado de ESO
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de concienciar aos mozos e mozas na importancia de prestar unha correcta actuación, tanto para salvar vidas, como para ser “cidadáns responsables”
O conselleiro de Sanidade resaltou que a atención urxente constitúe un dos piares básicos do sistema

 O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o titular de Sanidade veñen de unir forzas para mellorar e facilitar a intervención do profesorado galego ante posibles urxencias médicas nos centros educativos. Román Rodríguez e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente, asinaron hoxe un convenio de colaboración para formar e habilitar aos docentes galegos en materia de prestación de primeiros auxilios, soporte vital básico e desfibrilación externa automática.

Tras asistir a unha demostración de reanimación cardiopulmonar realizada por nenos de 3º e 4º de ESO do CPI Domingo Fontán, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou a necesidade de concienciar aos mozos e mozas, xa desde idades temperáns, na importancia de realizar unha correcta primeira actuación.

Segundo puntualizou, esta primeira intervención non só axuda a salvar vidas e mellorar o prognóstico da morte súbita, senón que tamén “nos fai ser cidadáns responsables”. 

Pola súa banda, o conselleiro de Sanidade destacou a importancia de promover a implantación de cursos de reanimación cardiopulmonar (RCP) nas escolas, xa que o 100% da poboación pasa por elas. Desta forma, ao longo dos anos, lograríase formar a toda a poboación en RCP, o que suporía un aumento da supervivencia de paradas cardiorrespiratorias e unha diminución das secuelas.

Almuiña resaltou que a atención urxente supón unha necesidade asistencial inmediata, e constitúe, polo tanto, un dos piares básicos do sistema, obrigando ao sistema sanitario a estar na vangarda da tecnoloxía, das comunicacións e da incorporación das últimas novidades diagnósticas e de tratamento. Neste sentido, asegurou que a función do 061-Galicia é das máis relevantes que debe afrontar o sistema sanitario: a atención urxente ao cidadán, alá onde se atope, no menor tempo posible e cos medios máis axeitados; e salientou o labor realizado por este organismo, que vén de cumprir 20 anos.

Os conselleiros estiveron acompañados polo delgado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, José Manuel Pinal. 

Transmisión de coñecementos ao alumnado
Ao abeiro deste acordo de colaboración entre Cultura e Educación e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o profesorado recibirá formación mixta (cunha parte on-line e unha parte presencial) e a través dos recursos conxuntos da Rede de Formación do Profesorado e a Fundación 061.

E unha vez os docentes estean acreditados, establecerase un calendario de formación do alumnado de ESO, favorecendo así unha transmisión de coñecementos en cascada. Pola súa banda, a Fundación cederá o material docente que se empregará na formación dos estudantes. 

Protocolo de Urxencias Sanitarias 
Ademais, o conselleiro de Educación lembrou as actuacións que o seu departamento ten desenvolvido en materia de educación sanitaria, como a posta en marcha do protocolo de Atención en Urxencias Sanitarias e Enfermidade Crónica, elaborado o ano pasado ao abeiro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020.

Trátase, tal e como explicou Román Rodríguez, dunha guía para o profesorado na que se recollen unha serie de nocións básicas para facilitar a primeira intervención no caso de posibles accidentes que poidan xurdir nos centros educativos, así como para mellorar a resposta ante enfermidades crónicas como pode ser a diabete. De feito, a Consellería xa desenvolveu unha addenda específica para esta última casuística.


Cómpre salientar que este protocolo de Urxencias Sanitarias se fixo en colaboración coa Consellería de Sanidade, unha cooperación que se ve reflectida noutros programas educativos xurdidos ao abeiro do Plan Proxecta, como “Clases sen fume”, “Salvavidas”, “Cociñando con saúde” ou Xermoliño”, estes dous últimos postos en marcha no curso actual.