5/4/16

DEPUTACIÓN APROBA SUBVENCIÓNS POR VALOR DE 137.290 € PARA ACTUACIÓNS CULTURAIS, DEPORTIVAS, SOCIAIS, TURÍSTICAS E MEDIOAMBIENTAIS EN 8 CONCELLOS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

DEPUTACIÓN APROBA SUBVENCIÓNS POR VALOR DE 137.290 € PARA ACTUACIÓNS CULTURAIS, DEPORTIVAS, SOCIAIS, TURÍSTICAS E MEDIOAMBIENTAIS EN 8 CONCELLOS 

En tres meses a institución provincial repartiu preto de 11 millóns de €, é dicir, máis do 27% do orzamento total do Plan Concellos 2016 

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar unha nova relación de subvencións por valor de 137.290,34 € para actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais incluídas na liña 3 do Plan Concellos 2016.  O Plan Concellos, o novo modelo da institución provincial que converte ós municipios en protagonistas, está a poñer a disposición de 60 concellos da provincia 40 millóns de euros distribuídos en catro liñas de axuda: investimentos, necesidades de gasto corrente, actividades culturais, deportivas, sociais, turísticas e medioambientais e axudas para financiar o emprego.
A través desta nova relación de subvencións, a sexta da liña 3, beneficiaranse os concellos de Agolada, Arbo, Bueu, Caldas de Reis, Mos, Nigrán, Pontecesures e Vilaboa para poder levar a cabo, entre outras cuestións, campionatos de quad e bolos, campamentos musicais, mostras de artesanía, certames de corais, festas e feiras, carreiras, festivais musicais, guías de sendeiros, festivais infantís, mostras de viño, trofeos de fútbol, etc.

Coa aprobación da sexta relación de axudas, a Deputación de Pontevedra entregou xa o 41% do dedicado á liña 3 do Plan Concellos 2016 nos tres primeiros meses do ano. Da totalidade do plan, a institución provincial repartiu xa 10.781.000 €, é dicir, máis do 27% antes de rematar o primeiro trimestre de 2016.

A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA CONVOCA A PRIMEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN XUVENIL “DEPO RúARTE”

A través desta actuación, destinada ós concellos de menos de 50.000 habitantes, a institución provincial inviste 100.000 € para a dinamización da mocidade
Ó remate do programa terá lugar o I Certame Xuvenil Depo RúARTE

A Deputación de Pontevedra, a través do servizo de Cohesión social e Xuventude, ten por obxectivo mellorar a calidade de vida da mocidade da provincia de Pontevedra a través da participación activa das mozas e mozos no desenvolvemento sostible, económico e social da mesma. Por tal motivo, a institución provincial acaba de aprobar as bases reguladoras da primeira edición do programa “DepoRúARTE” que destina 100.000 € para ofrecer á mocidade de entre 14 e 30 anos dos concellos de menos de 50.000 habitantes actividades innovadoras e modernas, dinamizadoras, educativas e de lecer, así como un espazo de encontro e intercambio de experiencias que potencie movementos de participación e cooperación social.
En total, a institución provincial oferta actividades agrupadas en cinco áreas: MúsicARTE (Break dance, rap, funky, hip-hop, e o teu corpo: un instrumento), RúARTE (slackline, monopatín e sobre rodas), UrbanARTE (graffitti, xogos malabares e monólogos na rúa), CreARTE (crea a túa historieta, crea o teu fanzine e curtametraxes co móbil) e CociñARTE (a cociña da avoa, cociña en verde, o mundo no prato, endúlzate e coctelería e batidos sen alcohol).  Estas actividades, cunha duración de 25 horas e cun mínimo de 10 participantes, terán lugar dende o remate do curso escolar, finais de xuño, ata principios de setembro.
Para poder ofertar o programa, cada concello deberá adherirse cubrindo un modelo de acordo de adhesión que se atopa en www.depo.es e que ten que entregar, nos rexistros da Deputación de Pontevedra, en 15 días naturais tras a publicación das bases no BOPPO. Pola súa banda, as mozas e mozos interesadas e interesados deberán cubrir o formulario de solicitude que poderán obter nos seus concellos e presentalo segundo os prazos que estes indiquen. Cando rematen a súa actividade recibirán unha acreditación de participación.
O programa será clausurado co I Certame Xuvenil Depo RúARTE que amosará o aprendido nas actividades realizadas, coa fin de promover, xerar e articular espazos públicos integrais de xuventude. Neste certame participará un representante de cada concello que competirá co resto de actuacións ou traballos presentados dentro de cada unha das categorías de Depo RúARTE (MúsicARTE, RúARTE, UrbanARTE, CreARTE e CociñARTE). Haberá un finalista de cada unha das categorías e un único gañador do I Certame Xuvenil Depo RúARTE.