DEPUTACIÓN : ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDES PARA ACTUACIÓNS NO PATRIMONIO HISTÓRICO E CULTURAL

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Poderán solicitar axudas todos os concellos da provincia, con menos de 50.000 habitantes, para restaurar bens inmobles de titularidade municipal, conxuntos urbanos e contornas naturais con recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, arqueolóxico e etnográfico
A liña de axudas tamén permite a adquisición de bens inmobles integrantes do patrimonio histórico na provincia
Desde hoxe e ata o 30 de maio permanecerá aberto o prazo para que os concellos con menos de 50.000 habitantes soliciten axudas para actuacións no patrimonio histórico e cultural. O departamento provincial de Cultura e Lingua convoca esta liña de subvencións para promover a recuperación e rehabilitación deste tipo de patrimonio existente na provincia, sempre que sexa de titularidade municipal.
A orde de axudas contempla, dunha banda, a adquisición de ben inmobles integrantes do patrimonio histórico da provincia, e doutra, a restauración dos bens inmobles , conxuntos urbanos e sitios naturais que teñan recoñecido valor arquitectónico, histórico, artístico, paleontolóxico, arqueolóxico e etnográfico. 
Contempla actuacións que inclúan propostas de obras de conservación e/ou de restauración. Como obras de conservación estipúlanse as que teñan como finalidade o mantemento do inmoble coas súas características orixinais, sexan reparacións puntuais, substitucións concretas de elementos deteriorados, ou as que deriven de reparacións dos danos habituais provocados polo paso do tempo ou polo seu uso característico. Mentres, por obras de restauración enténdense as que teñen por obxecto a restitución da imaxe e unidade do ben, a través de operacións de reintegración de elementos deteriorados, perdidos ou eliminados no seu momento cun criterio desafortunado ou erróneo, co fin de recuperar o carácter orixinal do inmoble e a súa función. Estas obras de restauración poden supoñer a execución de novas estruturas, peches, cubertas, ou outros elementos de entidade construtiva.
Para os dous tipos de obras deben aplicarse criterios nos que se empreguen as solucións construtivas e de deseño tradicionais e orixinais, utilizando os materiais que lles son propios. 
Os concellos con menos de 50.000 habitantes da provincia poderán presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria. Deberán incluír, entre outra documentación, o proxecto técnico ou memoria descritiva da actuación, un anexo fotográfico do estado real de conservación do ben patrimonial, o orzamento detallado do investimento a realizar, e o documento acreditativo da titularidade do ben obxecto da actuación.
No suposto de adquisición, rehabilitación e mellora de bens inventariables o beneficiario deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se lle concedeu a subvención, durante un período non inferior a dez anos no caso de bens inscribibles nun rexistro público, nin a cinco para o resto dos bens.

A Deputación destinará a esta liña de axudas un total de 400.000 euros. Un importe fixo de 200.000 euros repartirase de forma lineal entre os concellos da provincia que decidan acollerse a estas axudas. Os outros 200.000 euros serán repartidos do seguinte xeito: o 20% desta cantidade destinarase ao grupo de concellos de ata 10.000 habitantes; unha porcentaxe do 40% destinarase ao grupo de concellos que teñan entre 10.001 e 20.000 habitantes; e outro 40% destinarase ao grupo de concellos que teñen entre 20.001 e 50.000 habitantes. No suposto da non existencia de solicitudes por algún dos concellos incluídos nestes grupos procederase a unha nova redistribución das cantidades iniciais, trasladándollo aos concellos solicitantes para os efectos oportunos.