CONSELLO GALEGO DE TURISMO ANALIZA LA EVOLUCIÓN DE LA DEMANDA TURÍSTICA

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

  • A directora de Turismo de Galicia, que presidiu a sesión, expuxo o informe anual sobre os datos acadados polo turismo no pasado ano 2015
  • Así mesmo, Nava Castro presentou o estudo de seguimento das accións realizadas no marco do Plan Integral de Turismo de Galicia e do cumprimento dalgúns dos seus obxectivos 
  • A sesión de hoxe deste foro participativo dos axentes públicos e privados do eido do turismo galego, abordou tamén outros temas de grande importancia como o Plan de inspección turística para este ano 2016

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, presidiu hoxe a sesión do Consello Galego de Turismo que tivo lugar no Consello Económico e Social de Galicia, en Santiago de Compostela.

Durante a sesión, a directora de Turismo de Galicia, presentou o estudo de seguimento das accións realizadas no marco do Plan integral de turismo de Galicia e do cumprimento dalgúns dos seus obxectivos como o turismo internacional que xa superou no pasado ano os 1,25 millóns de viaxeiros.

Así mesmo, Nava Castro expuxo tamén nesta sesión do Consello Galego de Turismo o informe anual sobre a situación do turismo en Galicia que abordou a situación e evolución da demanda turística, dos principais mercados turísticos, da ocupación, da estadía media, do turismo internacional, do Camiño de Santiago, e doutros importantes indicadores do sector turístico galego.

O informe presentou o comportamento positivo da demanda turística en Galicia no pasado ano 2015 que incrementou a cifra de viaxeiros nun 11%, liderando a nosa Comunidade o crecemento estatal e acadando un máximo histórico con case 4,58 millóns.

Así mesmo, destacou a tendencia positiva do turismo internacional que acadou no pasado ano máximos históricos tanto de viaxeiros e pernoitas como de peso no conxunto da demanda, superando os 1,27 millóns de viaxeiros e representando o 27,8% dos viaxeiros totais.

Outro dos indicadores analizados neste informe foi a ocupación que tamén se viu incrementada na nosa Comunidade o pasado ano acadando os hoteis un crecemento superior aos 3 puntos porcentuais.

No ámbito concreto do Camiño de Santiago observouse en 2015 un incremento de peregrinos do 10,3%, rexistrando un total de 262.458.

Así mesmo, tamén o tráfico aeroportuario e de cruceiros incrementouse o pasado ano en Galicia, nun 7,5% e 6,5% respectivamente.

Outros temas abordados
A sesión de hoxe deste foro participativo dos axentes públicos e privados do eido do turismo galego, abordou outros temas de grande importancia.

Así, a directora de Turismo de Galicia presentou o Plan de inspección turística para este ano 2016 expoñendo os seus obxectivos, o programa de asistencia a feiras previsto para este ano que inclúe a participación en 9 feiras nacionais e 21 internacionais, ou o mapa mundial de colocación de alumnos do Centro Superior de Hostalería de Galicia, entre outros asuntos.


Por outra parte, os membros do Consello Galego de Turismo analizaron os avances da normativa sobre viaxes combinados ao proxecto piloto da Comisión Europea e os informes presentados sobre a declaración de interese turístico do municipio de Portomarín e das festas da Xouba de Rianxo, do Marisco do Barqueiro, da Semana Santa de Betanzos, do Pantín Classic Pro, do Mercado tradicional de primavera e de Santa Cruz e os danzantes de Lamas.