CONSELLEIRO DESTACA A CHEGADA DA ALTA TECNOLOXÍA E A APERTURA DO HOSPITAL ÁLVARO CUNQUEIRO COMO FITOS MÁIS SALIENTABLES DA SANIDADE VIGUESA NOS ÚLTIMOS 25 ANOS

Vázquez Almuiña
RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, destacou hoxe dous fitos fundamentais neste eido que aconteceron en Vigo dende o traspaso á Comunidade Autónoma das funcións e servizos do Instituto Nacional da Saúde: a chegada da alta tecnoloxía en 1996 e a apertura do novo hospital público Álvaro Cunqueiro.

Do primeiro salientou que marcou un salto cualitativo moi importante, xa que ata entón a poboación tiña que saír fóra de Galicia para operarse dalgún problema de corazón; mentres que do segundo lembrou que supuxo tamén toda a reordenación da área sanitaria. 

Vázquez Almuiña inaugurou esta tarde a exposición conmemorativa do 25 aniversario do Servizo Galego de Saúde na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, estará aberta ata o 30 de xuño e que recolle curiosidades como a carta de solicitude de emprego ao Alcalde de Vigo en 1896  para traballar no Hospital Elduayen (actual Nicolás Peña); o seu Regulamento fundacional, que recolle por exemplo o obxectivo do centro de “atender aos pobres da cidade”; un microscopio monocular de 1925; ou recoñecementos como a Medalla da Cidade de Vigo concedida ao Hospital Xeral aos 50 anos de funcionamento e o diploma de Vigués Distinguido ao Meixoeiro polos seus 25 anos.

O conselleiro indicou que nas imaxes pódese ver como teñen cambiado as infraestruturas, os servizos, as persoas e o sistema pero engadiu que, se ben achegan un punto de nostalxia, o obxectivo do Sergas é mirar cara o futuro e seguir mellorando. “Esta mostra é un exemplo claro dese obxectivo, desa evolución da sanidade na área viguesa, historia da que eu mesmo me sinto afortunado de ter formado parte desde o Hospital Meixoeiro e na Delegación Provincial”, declarou.  

Na súa intervención, agradeceu o compromiso e o traballo dos profesionais sanitarios, e destacou as grandes diferencias entre o sistema sanitario público actual e o de hai 25 anos. Así, incrementouse a rede hospitalaria pública ata 14 complexos hospitalarios; abordouse unha profunda reforma da Atención Primaria aumentándose de forma espectacular o número de centros de saúde e consultorios; puxéronse en marcha o 061 e os PACs; e creouse o Centro de Transfusións de Galicia. Ademais, o cadro de persoal  supera a día de hoxe os 36.000 traballadores, cando en 1990 era de 19.000.


“A partir do momento da posta en funcionamento do Sergas, o progreso foi continuo ata lograr unha organización sanitaria á altura das mellores do mundo en cantidade, pero sobre todo en calidade, da que todos os galegos nos sentimos realmente orgullosos concluíu-. Temos unha sanidade que investiga, que se preocupa pola formación e a docencia, que prevén enfermidades, promove a saúde e ofrece unha atención primaria de calidade. Unha sanidade que traballa en solucións eficientes para garantir os seus servizos a todas as persoas, con independencia dos seus recursos económicos”.