COMEZA NO CONCELLO DE CANGAS UN CURSO DE PRODUTOS FITOSANITARIOS ORGANIZADO POLA XUNTA DE GALICIA.

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O vindeiro luns comeza na Casa de Oficios do Concello de Cangas un curso de Manipulador–aplicador de produtos fitosanitarios que organiza a Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.
Trátase dun curso de nivel básico que organiza a propia Xunta de Galicia e que permite obter o carné oficial que desde novembro do ano pasado é requisito ter para pode mercar, aplicar ou manipular produtos fitosanitarios para uso profesional. Este é o primeiro curso que neste ano organiza a Xunta de Galicia na Comarca do Morrazo e participarán nel un total de 20 alumnos/as. As prazas xa están cubertas cos solicitantes que se inscribiron hai xa varios meses, seguíndose a orde segundo a data que consta na súa inscrición.
Consta dun total de 25 horas de formación presencial que se impartirán na Casa de Oficios do Concello en horario de 17:00 a 22:00 horas. Os contidos do curso están enfocados a formar e sensibilizar aos participantes acerca do uso axeitado dos fitosanitarios e dos riscos que para a saúde e o medio ambiente supón o emprego destes produtos químicos: clasificación, riscos, equipos de protección individual, métodos e equipos de aplicación, métodos alternativos non químicos,  boas prácticas ambientais, etc.

Tendo en conta o elevado número de persoas que están a demandar este curso, cunha lista de espera que supera as cen solicitudes, desde as Concellarías de Desenvolvemento Económico e de Medio Ambiente do Concello de Cangas estase a programar outro curso de Manipulador- aplicador de produtos fitosanitarios, tamén de nivel básico, que podería comezar a finais deste mes e do que en breve se informará desde o Concello.