13/4/16

Bueu : A PEQUE FACTORÍA ORGANIZA VARIOS OBRADOIROS PARA NENOS/AS E FAMILIAS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
A Asociación Social Cultural Recreativa A Peque Factoría, cuxa sede se atopa na rúa Eduardo Vincenti nº 34, organiza entre abril e xuño tres obradoiros dirixidos a nenos e nenas de 0 a 4 anos e ás súas familias, para ensinar sobre diversas realidades sociais actuais.  Todas as actividades terán un custe de 3 euros por familia, e precisan de previa inscrición no correo apequefactoria@hotmail.com
O domingo 24 de abril ás 12 horas terá lugar un obradoiro de linguaxe de signos cunha duración aproximada dunha hora.  O obxectivo é coñecer os beneficios da linguaxe de signos nos nenos/as e como esta pode axudar a reducir a frustración en determinadas situacións comunicativas.  O obradoiro constará de cancións e contos cos que se introducirá esta linguaxe, ademais de debater sobre os diversos recursos que temos ao noso alcance para coñecer esa linguaxe e o método babysing.
A actividade será impartida por Eva Graña, logopeda, mestra e psicopedagoga e nai, que leva máis de 15 anos traballando con persoas sordas. Actualmente coordina o proxecto plurilingüe do CEIP Escultor Acuña de Vigo, pioneiro a nivel nacional, onde imparten unha hora de LSE semanal a cada curso dentro do seu horario escolar. 
O domingo 15 de maio ás 12 horas desenvolverase o obradoiro "Participando en familia", que será impartido por Elena Rodríguez Malvido, Técnico Superior en Educación Infantil, e que comezará cun "conto mural" onde se poderá participar activamente, e unha parte de "corros e cancións" para pasalo ben en familia.
E o 12 de xuño ás 12 horas haberá unha sesión de contacontos dirixidos a mostrar diferentes realidades familiares: familias monoparentais por elección, sobrevidas, de dúas nais, de dous pais, ensambladas, adopción, acollida, reprodución asistida... 

A Asociación de Madres Solteras por Elección, colaboradora desta actividade, funciona dende o ano 2007 e non recibe ningunha axuda gobernamental. Actualmente está construída por preto de 700 familias.