24/4/16

Bueu : emotiva gala de homenaje a los alfombristas más veteranos

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O CENTRO SOCIAL DO MAR ACOLLEU UNHA EMOTIVA 
GALA DE HOMENAXE AOS ALFOMBRISTAS VETERÁNS DE BUEU

O Centro Social do Mar de Bueu acolleu hoxe a  II Gala de Homenaxe aos Alfombristas Veteráns, nun acto moi emotivo organizado pola Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu no marco das II Xornadas das Alfombras Florais.
Na gala, celebrada este domingo a partir das 18 horas, foron distinguidos os/as alfombristas Julia Rodríguez Galup, María del Carmen Souto Sequeiros, José Luís Davila Juncal, Antonio Lorenzo Santos, Maruja Buceta López, Manuel Malvido Rúa, Carmen Rodríguez Casas, Antonio Martínez Villegas, Carmen Couso Domínguez, e a título póstumo, Manuela Diz Gutiérrez e Teresa Martínez Gómez.
A presidenta da Asociación, Carmen Santos, quixo destacar a enorme aprendizaxe e traballo que tiveron que levar a cabo neste primeiro ano de vida, e quixo facer tamén unha mención especial ás mulleres e homes que traballan a diario no local da asociación para que as alfombras decoren a nosa vila na data do Corpus, que este ano se celebra en Bueu o vindeiro 29 de maio.
Nese esforzo e dedicación dos membros da asociación tamén quixo insistir o alcalde da vila, Félix Juncal, quen agradeceu a todos os que levan o "nome de Bueu polo mundo" en alusión a esa expansión do Corpus e das alfombras da vila buenense, que irá máis alá da festa do Corpus e a máis lugares, entre eles a Noto (Italia), e que organizou obradoiros tanto para persoas maiores como para alumnos e alumnas dos diversos centros educativos da vila. O rexedor da vila reiterou de novo que "as alfombras se están revitalizando e recuperando o valor de tempos pasados", recoñecemento que agarda que sexa proximamente agradecido coa declaración do Corpus de Bueu como festa de interese turístico de Galicia, galardón no que se está traballando.

Durante o transcurso da gala foron proxectados dous vídeos sobre a confección das alfombras e o Corpus de Bueu, cos que o ambiente se encheu de emoción. E xa ao remate entregáronse uns agasallos a cada un dos homenaxeados nesta gala, na que eles e elas foron os protagonistas.