18/4/16

BUEU ACOLLEU UN ACTO NA HONRA DE JOHÁN CARBALLEIRA E DOS QUE LOITARON POLAS LIBERDADES

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Arredor de medio cento de persoas, ademais de autoridades locais, reuníronse este domingo a partir das 18 horas para render homenaxe a Johán Carballeira, os irmáns Chapela e Manuel Graña Pouseu, no día no que se cumpren 79 anos do seu fusilamento en Monteporreiro a cargo dos franquistas. Este acto, organizado pola Asociación de Amigos de Johán Carballeira de Bueu, comezou coa lembranza de todos os que sufriron en carne propia o prezo de loitar pola liberdade, cunhas palabras de Manuel Mosteiro e Xosé Novas, membros da Asociación, e de Luís Bará, ex director xeral de cultura e concelleiro pontevedrés, quen tamén dirixe o blogue sobre memoria histórica “Non des a esquecemento”.  Os tres destacaron a importancia da celebración destes actos, que serven como “reparación e lembranza”, e que poñen a cada un no seu lugar. Bará quixo salientar tamén o acto que celebrou o Concello de Bueu o pasado ano en homenaxe dos membros da corporación municipal de Bueu no 1936, persoas ás que tamén se lembrou neste acto simbólico.


Manuel Mosteiro, presidente da Asociación de Amigos Johán Carballeira, insistiu en que o que se viviu en Galiza no ano 1936 “non foi unha Guerra Civil, como erradamente se lle deu en chamar, senón unha barbarie e un xenocidio contra os que estaban no lado correcto, pero equivocado”. 
A ofrenda floral (na foto) tivo lugar xunto á escultura na honra de Johán Carballeira, na praia da Banda do Río, e foi a cargo de Manuel Mosteiro e de Manuel López, fillo de José de la Torre, un dos concelleiros da corporación buenense do 36 que foi sometido ás vexacións do réxime.


A continuación desenvolveuse no Centro Social a presentación do libro de Montse Fajardo “Un cesto de mazás”, no que que contan dezaseis historias dos que se foron e dos que quedaron, dos que tiveron que sobrevivir e verter bágoas ata que alguén lles deu a oportunidade de contar o que pasou naqueles anos. Precisamente a xornalista pontevedresa destacou a importante labor de recuperar a memoria oral e de que estas historias non se esquezan.  Precisamente, Luís Bará falou da sensibilidade da autora, do intenso traballo e do coidado na edición do libro, que conta con imaxes e ilustracións estremecedoras.