ÁNGELES VÁZQUEZ: “OS DATOS DEMOSTRAN QUE O MEDIO RURAL TEN FUTURO E QUE MEDRA O INTERESE POR TRABALLAR E VIVIR NO AGRO”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

  • A conselleira do Medio Rural baseou esta afirmación no incremento substancial e sen precedentes das solicitudes de axudas para incorporación de mozos e plans de mellora das explotacións
Angeles Vázquez
  • A titular da Consellería presidiu esta mañá en Santiago a segunda xuntanza do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo
  • Salientou que, malia as dificultades, hai novas positivas para o lácteo, como que por primeira vez o prezo do leite en España se situase por riba da media europea 
  • O leite galego que se comercializa por debaixo dos 20 céntimos é o 1,15% do comercializado

O rural galego ten futuro e existe un interese crecente por traballar e vivir no agro. Así o destacou hoxe a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras presidir a segunda reunión do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo. A conselleira fixo esta afirmación partindo do incremento substancial e sen precedentes das solicitudes de axudas para a incorporación de mozos á actividade agraria e para a realización de plans de mellora nas explotacións, ambas xestionadas pola Xunta.

Así, explicou a conselleira, o número expedientes no primeiro caso –incorporación de mozos– multiplicouse por tres con respecto ao pasado ano, pasando de 219 en 2015 a 757 no presente exercicio. Tamén medrou de xeito significativo o número de solicitudes para plans de mellora, polos que os gandeiros perciben unha porcentaxe de axuda pública sobre un investimento total que farán eles para mellorar a competitividade das súas granxas. Así, pasouse de 1.080 solicitudes en 2012 a 2.240 neste 2016, polo tanto máis do dobre. E o crecemento é aínda máis importante se se compara co último ano no que se convocaron estas axudas, 2014, no que as solicitudes quedaron en 710 sobre as 2.240 actuais.

O incremento destes expedientes rexístrase nas catro provincias galegas, tanto no que atinxe a incorporación de mozos como aos plans de mellora (neste caso a comparación é co 2014, xa que foi o último ano no que se convocaron estas achegas):

INCORPORACIÓN DE MOZOS Á ACTIVIDADE AGRARIA

PROVINCIA
EXPEDIENTES 2015
EXPEDIENTES 2016
A CORUÑA
69
184
LUGO
99
328
OURENSE
38
137
PONTEVEDRA
13
108
TOTAL
219
757

PLANS DE MELLORA DAS EXPLOTACIÓNS

PROVINCIA
EXPEDIENTES 2014
EXPEDIENTES 2016
A CORUÑA
236
515
LUGO
301
1.055
OURENSE
53
363
PONTEVEDRA
120
307
TOTAL
710
2.240

Balance
A xuntanza do Plan de Fortalecemento do Sector Lácteo serviu tamén para facer balance da situación deste eido produtivo. Neste sentido, a conselleira indicou que, malia as dificultades polas que atravesa o lácteo, non todo son malas noticias. Así, lembrou –como xa fixera días atrás a ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Isabel García Tejerina– que o prezo do leite en España situouse por primeira vez por riba da media europea. Respecto ao caso galego, Ángeles Vázquez lembrou que os gandeiros que venden por baixo dos 20 céntimos o litro son unha minoría, en concreto o 6,06%. No caso da produción, estamos a falar de apenas o 1,15% do leite comercializado na nosa comunidade.

A conselleira destacou tamén que, a día de hoxe, non ten constancia de que se estean a dar casos de produtores aos que non se lles recolle o leite e lembrou que tiña un compromiso da industria neste sentido, expresado precisamente no seo do Plan de Fortalecemento do Sector.

Por último, a titular de Medio Rural lembrou que hoxe venres a Xunta fixo efectivo un novo pago de 14,5 millóns de euros correspondentes ás achegas da PAC deste 2015-2016. Así, salientou, Galicia estará por diante no pago destas axudas respecto a outros exercicios, algo do que se beneficiarán agricultores e gandeiros, malia que este último ano foi o de implantación do novo modelo da PAC, o que supón un cambio importante na forma de xestión, ao tempo que as solicitudes se presentaron máis tarde que nunca. 


Este novo pagamento, que suporá unha axuda aos produtores nun momento delicado, vén a sumarse aos 9,5 millóns en axudas á liquidez que xa se teñen abonado a 8.614 gandeiros. Só quedarían por achegar outros 303.444 euros. A estas cifras hai que sumar as axudas acopladas que ascenden a 37,5 millóns dos que se pagaron preto de 25,6 e que chegaron a 8.517 titulares. Respecto ás achegas para vacas nutrices téñense pagado 12,6 millóns de euros a 9.282 beneficiarios e quedarían por achegar outros 2,2 millóns.