Alondras : un reparto de puntos en O Morrazo que no complace ni al visitante

Un momento del partido de ayer en Cangas
RIAS BAIXAS TRIBUNA / Crónica e foto de Sheila Lorenzo)
Disputábase a trixésimo terceira xornada da Terceira División entre o Alondras CF e o Verín, dous equipos que afrontaban o encontro coa necesidade de sumar os puntos, pero por necesidades diferentes. O Alondras precisaba unha vitoria que lle permitise afastarse, dunha vez por todas, da zona de perigo da clasificación, mentres que o Verín ansiaba sumar tres puntos que lle deran aire de cara a aferrarse á categoría. 
 No primeiro tempo, tal e como se podía presaxiar, viuse un encontro moi igualado entre dous conxuntos que por veces semellaban ter medo a levar a iniciativa e predominaba o xogo no medio campo, polo que a penas existían chegadas as portas rivais. Tan só o Alondras, por momentos, poñíalle algo máis de descaro ao encontro, pero tan só era quen de buscar perigo dende lonxe, coma un tiro de Mauro no 22 que tivo que desviar Diego García a córner. 
 Xa no segundo acto viuse un encontro un pouco máis aberto por parte de ambos conxuntos, xa que o empate non lle servía a ninguén. Eran os locais os que tiñan máis o balón e intentaban con máis ansia inaugurar o marcador e puido facelo en varias ocasións Mauro, un dos xogadores máis activos do encontro. Primeiro tívoa no 47 cun tiro raso dende lonxe, pero parouna o gardameta e pouco máis tarde cun potente lanzamento dende fóra do área que pegou no pau. 
Os homes de Iván González tiveron a máis clara no 64 cun potente disparo a media altura de Hugo Domínguez que tivo que despexar Lorenzo a córner. A partir de aí o encontro volveuse máis tolo e malia os trocos realizados por ambos adestradores, non foron quen de encarrilar o encontro. Malia e todo tivo a acción da vitoria nos seus pes Benja quen encaraba só a portería, pero quixo deixarlla atrás a Centrón, quen se plantou ante o porteiro, pero rematou a xogada clara de gol cun tiro moi feble e fácil de atallar para Diego García. 
Xa co encontro sentenciado chegaron os minutos que sobraron para ambos conxuntos, primeiro foi Benja quen viu a cartulina vermella directa por protestar e pouco máis tarde sería Pablo Roca, quen co tempo cumprido, viu tamén o cartón vermello directo por unha trifulca con Mauro. 
Xa no desconto o porteiro suplente do Verín, Jorge Salgado, que xa tiña unha tarxeta amarela por protestar dende o banco, recibiu o cartón vermello directo camiño de vestiarios tras encararse coa bancada. Finalmente o encontro rematou co resultado inicial. 
 Tras este empate o Alondras suma 45 puntos e queda na décima posición, mentres que o Verín é décimo oitavo con 31. Na vindeira xornada o Alondras visitará o As Pontes pola contra o Verín recibe ao Noia. 

FICHA TÉCNICA: ALONDRAS CF: Lorenzo, Castilla, Rafita, Fiuza, Agujetas Abel (Rubén Comesaña, min 94), Joni (Centrón, min 57), Álex Gómez, Adrián (Benja, min 70), Andrés, Mauro. VERIN CF: Diego García, Fran Martínez, Manu Estévez (Ramos, min 77), Roca, Salomón, Lamelas (Ossorio, min 81), Rua (Herrero, min 54), Hugo Domínguez, Soares, Sergio González, Anderson Cruz. 
ÁRBITRO: Martínez Barral, auxiliado por Maldonado González e Hernández Giadáns do colexio de Santiago. Amonestou a Agujetas, Andrés, Mauro, Centrón e con cartolina vermella directa a Benja polo Alondras e a Diego García, Domínguez, Anderson Cruz, Salgado, Ramos e con cartón vermello a Roca e Salgado por parte do Verín. 
INCIDENCIAS: Antes de comezar o encontro gardouse un minuto de silencio na memoria de Jorge Tato, xogador xuvenil do Racing Vilalbés que faleceu recentemente. 
CAMPO: O Morrazo, ante uns 600 espectadores.