A XUNTA SOLICÍTALLE AO CONCELLO DE VIGO IMPLICACIÓN PARA DOTAR A PRIMEIRA ESTACIÓN INTERMODAL DE GALICIA DOS ACCESOS NECESARIOS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
A directora xeral de Mobilidade e o delegado da Xunta mantiveron unha xuntaza coa concelleira de Transportes
  • Os representantes da Xunta reiteraron a plena disposición do Goberno galego de colaborar coa mellora do autobús municipal a Peinador e pedíronlle ao Concello que proporcione a información sobre frecuencias, itinerarios e demanda para poder planificar axeitadamente o reforzo do servizo
  • Helena de Lucas e Ignacio López-Chaves lamentaron que a reunión desta tarde servise para constatar que o Concello de Vigo non ten realizado trámite algún a prol da estación
  • lembraron que a Xunta financiará integramente a nova estación de autobuses, e o Goberno de España costeou a terminal ferroviaria e está a impulsar o centro Vialia, polo que  cómpre que o Concello de Vigo facilite os accesos axeitados ao complexo
  • Sinalaron que a falta de accesos axeitados impide que actualmente os viaxeiros de ferrocarril poidan acceder ao recinto da estación de tren en bus urbano
  • Destacaron que os concellos da Coruña, Santiago e Ourense están comprometidos coa posta á disposición dos terreos e cos accesos da intermodal, en función das necesidades de cada caso

A Xunta de Galicia solicitoulle ao Concello de Vigo a súa implicación para dotar a primeira estación intermodal de Galicia dos accesos axeitados para garantir a súa funcionalidade. Así o manifestaron a directora xeral de Mobilidade, Helena de Lucas, e o delegado territorial da Xunta, Ignacio López-Chaves, na xuntanza que esta tarde mantiveron na cidade olívica coa concelleira de Transportes e técnicos do Concello de Vigo.

Helena de Lucas e Ignacio López-Chaves lamentaron que a reunión desta tarde servise para constatar que o Concello de Vigo non ten realizado trámite algún a prol da estación, así como que os representantes da Administración local acudisen á xuntanza sen propostas sobre os dous temas a tratar.

A directora de Mobilidade e o delegado do Goberno galego lembraron que a Xunta financiará integramente a nova estación de autobuses, e o Goberno de España costeou a terminal ferroviaria e está a impulsar o centro Vialia, polo que  cómpre que o Concello de Vigo facilite os accesos axeitados ao complexo. 

Segundo explicaron ese é o modelo que se está a seguir no impulso das estacións intermodais das outras cidades galegas con esta infraestrutura proxectada, de acordo coas competencias de cada Administración.

Así, destacaron que os concellos da Coruña, Santiago e Ourense están, en función das necesidades de cada caso, comprometidos coa posta á disposición dos terreos e cos accesos das respectivas estacións intermodais das súas cidades, a pesar de que o seu desenvolvemento está en fases previas  á de Vigo, xa en redacción de proxecto construtivo.

Lembraron que o Concello de Vigo sitou a estación intermodal entre os proxectos prioritarios para a cidade que debían garantirse logo da anulación do Plan Xeral e que foi o propio Goberno autonómico o que puxo sobre a mesa a solución urbanística para facer isto posible.

Polo tanto, reclamaron que a Administración local traduza ese interese prioritario na estación en traballo e implicación, no ámbito das súas competencias, para garantir que a cidade teña unha estación intermodal cos accesos precisos.

Puxeron de manifesto que os accesos non só afectan á terminal de autobuses, xa que a falta deles xa impide actualmente que os viaxeiros de ferrocarril poidan acceder ao recinto da estación de tren empregando o autobús urbano. Esta situación verase acentuada coa construción da estación de autobuses e o desenvolvemento do Centro Vialia que demanda o Concello.

Información para planificar o reforzo do autobús a Peinador
No encontro, ademais, os representantes da Xunta reiteraron a plena disposición do Goberno galego de colaborar coa mellora do autobús municipal que conecta o centro de Vigo co aeroporto de Peinador, logo de que se puxera de manifesto no Comité de Coordinación Aeroportuario que se trata dunha conexión escasamente atractiva para os usuarios. Tal e como puxeron de manifesto De Lucas e López-Chaves, ao tratarse dunha liña urbana, de titularidade municipal, cómpre que o Concello proporcione información precisa sobre as súas frecuencias, itinerarios e demanda para poder planificar axeitadamente o reforzo do servizo.