A XUNTA SITÚA Á DEMOGRAFÍA COMO O “PRINCIPAL RETO” E AMOSA O SEU COMPROMISO PARA “DEBUXAR UN POBO GALEGO CON MÁIS NENOS, MAIOR ESPERANZA DE VIDA E UNHA PIRÁMIDE POBOACIONAL RENOVADA”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

Na clausura das xornadas organizadas polo grupo de análise e debate Colmeiro e que tiveron como tema principal a situación demográfica en Galicia

REY VARELA SITÚA Á DEMOGRAFÍA COMO O “PRINCIPAL RETO” E AMOSA O SEU COMPROMISO PARA “DEBUXAR UN POBO GALEGO CON MÁIS NENOS, MAIOR ESPERANZA DE VIDA E UNHA PIRÁMIDE POBOACIONAL RENOVADA”

  • Anuncia que a Tarxeta Benvida “xa foi solicitada por 3.500 familias galegas” e que “case a metade destas familias xa goza dos seus beneficios”
  • Enumera outras medidas de dinamización demográfica como as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo, o incremento das prazas na rede pública de escolas infantís, a posta en marcha das Casas Niño no rural, o bono coidado, o bono concilia ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega
  • Lembra que a partir do vindeiro mes de xuño, Galicia liderará o Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD) e que a vindeira reunión do foro terá lugar no mesmo mes de xuño en Galicia 
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, situou na mañá de hoxe á cuestión demográfica como “o principal reto”. Así o fixo na clausura das xornadas organizadas polo grupo de análise e debate Colmeiro e que tiveron como tema principal a situación demográfica en Galicia. “Desde a  Xunta queremos debuxar un pobo galego con máis nenos, maior esperanza de vida e unha pirámide poboacional renovada”, engadiu.  

Na clausura das conferencias que tiveron lugar no Club Financeiro Salvador de Madariaga da Coruña, o responsable da área social sinalou que a Xunta de Galicia porá “todo o esforzo e as ferramentas para conseguir dar un xiro á situación demográfica”. Nesta liña subliñou a importancia de medidas como o Programa de Apoio á Natalidade (PAN) e máis concretamente a Tarxeta Benvida, a axuda económica directa de 100 euros mensuais durante un ano para contribuír a sufragar os gastos básicos que supón o nacemento ou adopción dun fillo ou filla. O conselleiro anunciou que esta tarxeta “xa foi solicitada por 3.500 familias galegas” e que “case a metade destas familias xa goza dos seus beneficios”.

Así tamén, o titular de Política Social enumerou outras medidas de dinamización demográfica como as deducións fiscais por nacemento ou adopción, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo, o incremento das prazas na rede pública de escolas infantís, a posta en marcha das Casas Niño no rural, o bono coidado, o bono concilia ou a incorporación da flexibilidade do horario laboral e o teletraballo na función pública galega.

Líderes a nivel nacional
O conselleiro de Política Social lembrou asemade que a partir do vindeiro mes de xuño, Galicia liderará o Foro de Rexións Españolas con Desafíos Demográficos (FREDD), un foro que está composto por oito Comunidades Autónomas que presentan balances demográficos negativos como Galicia, Castilla La Mancha, Castilla y León, Extremadura, Asturias, Aragón, Cantabria e La Rioja. 


Ao fío desta idea, Rey Varela recalcou que a vindeira reunión deste foro terá lugar no mes de xuño en Galicia, “unha rexión que contempla a recuperación da demografía como un reto de presente, pero sobre todo, de futuro”. Afondando nesta idea apuntou que “o reto demográfico é un reto que ten Galicia desde hai anos pero que compartimos con outras comunidades gobernadas por partidos políticos diferentes” polo que avogou polo “consenso, o diálogo e a coordinación entre institucións para superar os problemas que nos afectan de xeito conxunto”.