7/4/16

A XUNTA REFORZA A TRAVÉS DA AXENDA 20 PARA O EMPREGO O SEU APOIO Á ECONOMÍA SOCIAL PARA ADAPTAR O SECTOR ÁS NOVAS DEMANDAS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

  • A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, interveu hoxe en Santiago na xornada ‘As potencialidades da economía social nas industrias culturais e creativas. Experiencias e oportunidades de emprendemento’ 
  • Toca salientou na iniciativa que organizou a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Rede Eusumo, que este ano se están a investir  5,4 millóns de euros en axudas para fomentar a Economía Social 
  • A nova planificación do Goberno galego en material laboral inclúe o Programa Aprol para promover con preto de 3 millóns a contratación neste sector   
  • Lembrou que o Goberno galego ultima a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020 que busca incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística 

A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, interveu hoxe en Santiago na inauguración da xornada ‘As potencialidades da economía social nas industrias culturais e creativas. Experiencias e oportunidades de emprendemento’ organizada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Rede Eusumo de fomento do cooperativismo. 

Toca explicou que no sector das industrias culturais e creativas estase a producir un cambio dirixido, entre outros aspectos, a unha maior orientación a mercados exteriores e unha plena implementación do uso das novas tecnoloxías, ao tempo que se están a desenvolver novas fórmulas de traballo que propician unha maior orientación ao emprendemento e unha énfase maior nas estratexias cooperativistas. 

A secretaria xeral de Emprego explicou que a Xunta para apoiar estes cambios está a reforzar a través da Axenda 20 para o Emprego as axudas ao sector da Economía Social para adaptar o sector ás novas demandas que está requirindo o mercado laboral.   

Deste xeito, a nova planificación da Xunta en materia laboral reforza os incentivos ao cooperativismo e impulsa a competitividade e internacionalización do sector. “O que se pretende é incrementar o tamaño das cooperativas para dotalas dunha maior capacidade industrial e loxística que lles axude a competir”, apuntou Toca. 

Para acadar este fin, o Goberno galego destina este ano 5,4 millóns de euros para fomentar a Economía Social con diferentes liñas de axudas entre as que a Axenda 20 para o Emprego inclúe o Programa Aprol para promover a contratación do sector con preto de 3 millóns de euros. 

Esta iniciativa contén, entre outros, axudas ás cooperativas e sociedades laborais que incorporen persoas sociais traballadoras e incentivos para a posta en marcha de novos proxectos e específicos para menores de 30 anos para fomentar o cooperativismo xuvenil. Tamén inclúe apoios para os programas de integración e intercooperación para poñer en marcha proxectos entre entidades de Economía social e de colaboración empresarial en eidos como I+D+i, comercialización ou internacionalización.  Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego indicou que as cooperativas poderán beneficiarse do programa de microcréditos para microempresas. 

“Coa nova planificación buscamos apoiar ás cooperativas para que poidan gañar tamaño, innovar e abrirse a novos mercados”, subliñou. 

Así mesmo, a secretaria xeral de Emprego indicou que o Goberno galego ultima a Estratexia para o impulso do cooperativismo galego 2016-2020, que inclúe un total de 87 medidas co obxectivo de potenciar a competitividade e internacionalización deste sector que ao longo da crise económica demostrou a súa fortaleza e solidez e seguiu crecendo. 

Por último, afirmou que todas estas medidas enmárcanse na aposta do Goberno galego polo emprendemento, ao que destina este ano 40 millóns de euros, e, polo cooperativismo e Economía Social, un sector que aglutina a máis de 7.000 entidades e 320.000 persoas.