A XUNTA RECADA ARGUMENTOS SÓLIDOS PARA CONVENCER Á UNIÓN EUROPEA SOBRE A REVISIÓN DO CRITERIO DE REPARTO DE COTAS PESQUEIRAS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
A conselleira do Mar participou esta mañá na presentación do libro, La puesta al día del sistema de Tacs y Cuotas ante la prohibición de los descartes, elaborado por ARVI
  • A publicación de ARVI defende que é necesaria unha revisión do actual sistema de reparto de cotas pesqueiras e que é fundamental que todas as frotas dos Estados Membro teñan cotas suficientes
  • A conselleira sinalou que a Administración galega xa ten analizado co Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga a fórmula que máis posibilidades de éxito pode ter ante a UE e o próximo paso é valorar co sector o camiño a seguir e para iso a Xunta organizará unhas xornadas dentro dun mes
  • Mentres as reclamacións para un reparto máis ecuánime e xusto non son atendidas, Rosa Quintana apela a seguir traballando no novo escenario que outorgan as medidas de flexibilización da obriga de desembarco de todas as especies pesqueiras capturadas
 A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou esta mañá na presentación do libro, La puesta al día del sistema de Tacs y Cuotas ante la prohibición de los descartes, elaborado pola Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI. Unha publicación, dixo, que recolle unha proposta que coincide co que defende a Xunta, en canto a que é preciso “revisar o actual sistema de reparto de cotas pesqueiras e xestión dos recursos no marco da Política Pesqueira Común e impulsar un novo mecanismo de xestión para resolver a contradición provocada polo principio de Estabilidade Relativa, e que as cotas sobrantes se poidan ceder ou traspasar ás frotas que as necesitan”.

Neste sentido, a conselleira sinalou que a Xunta xa ten analizado xunto co Instituto Universitario de Estudios Europeos Salvador de Madariaga a fórmula que máis posibilidades de éxito pode ter ante a Unión Europea para dar unha solución a esta situación. Ademais lembrou que o vindeiro mes se celebrarán unhas xornadas co sector nas que, entre outros temas, se debaterá o camiño máis axeitado a seguir neste eido. 

O libro presentado hoxe, engadiu Rosa Quintana, “contribuirá dun modo decidido a aportar argumentos sólidos e obxectivos”. A conselleira lembrou ademais que, ante este modelo de ordenación dos recursos, “Galicia adoptou sempre unha actitude de defensa dos nosos intereses” co obxectivo de corrixir o actual sistema europeo de reparto de cotas. Isto propiciou que “España acudira reiteradamente ao Tribunal de Estrasburgo reclamando a eliminación do mal chamado Principio de Estabilidade Relativa, recibindo sempre a mesma resposta de non procedencia da eliminación solicitada”.  

Mentres as reclamacións para un reparto máis ecuánime e xusto non son atendidas, subliñou a titular de Mar, “temos que seguir traballando no novo escenario que outorgan as medidas de flexibilización da obriga de desembarco de todas as especies pesqueiras capturadas”. Por iso, dixo, “poremos o noso obxectivo en realizar unha óptima ordenación poñendo o foco na verdadeira causa da meirande parte deses descartes, que é o reparto inadecuado das especies que podemos pescar”.

Outra liña de traballo “que non debemos esquecer”, advertiu Rosa Quintana, é a de valorizar a venda do que se pesca aportándolle valor engadido. Neste sentido puxo como exemplo que no 2015, o valor económico das capturas de peixe e marisco subiu nun 6% a pesar de que as capturas descenderon nun 4% respecto do ano anterior. 

O libro de ARVI
La puesta al día del sistema de TACs y cuotas ante la prohibición de los descartes foi elaborado polo Equipo Técnico da  Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo. Esta publicación defende ao igual que a Consellería do Mar que é necesaria unha revisión do actual sistema de xestión por TACs (Totais Admisibles de Captura) e cotas e que é fundamental que todas as frotas dos Estados Membro teñan cotas suficientes, resolvendo a ineficiencia na súa asignación para que as súas posibilidades de pesca non se vexan afectadas negativamente pola obriga de desembarcar todas as capturas.

Esta publicación é froito do estudo das 20 principais especies que teñen TACs e cotas durante o período 2008-2014 e conclúe que nesta etapa non foron utilizadas máis de un millón de toneladas asignadas aos Estados Membros, cun valor económico estimado superior aos 1.800 Millóns de euros. 


Esta contradición atribúea ao mal chamado Principio de Estabilidade Relativa. Para resolvela e para poder atender á obriga de desembarque de todas as capturas tendo cotas suficientes, sinala que é preciso impulsar un mecanismo que xestione as cotas sobrantes para que, sen alterar a Estabilidade Relativa, se poidan ceder ou alugar a frotas que o necesitan.