A AXENCIA GALEGA DE INFRAESTRUTURAS INCREMENTOU A LICITACIÓN DE OBRAS PÚBLICAS NUN 300% NO PRIMEIRO TRIMESTRE DO ANO CON RESPECTO AO DO EXERCICIO ANTERIOR

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
Ethel Vázquez
A conselleira de Infraestruturas interveu hoxe na xornada ‘Aplicación de tecnoloxías con cemento na estrada’, onde subliñou que a reactivación económica que se está a producir permite intensificar a aposta pola vertebración de Galicia 
  • Vázquez subliña que o Goberno galego está a traballar na mellora das infraestruturas xa existentes e tamén na planificación para a execución de novas vías 
  • Resalta o esforzo investidor do Goberno galego para que en 2016 estean a pleno rendemento as obras da Autovía do Morrazo e entren en servizo a Autovía da Costa da Morte; o acceso ao Porto de Burela; a VAP Costa Norte, no treito Celeiro-San Cibrao; e a nova ponte sobre o río Miño, nos Peares
A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe que a Axencia Galega de Infraestruturas incrementou a licitación de obras públicas en máis do 300 % no primeiro trimestre deste ano con relación ao mesmo período do pasado exercicio. Así o manifestou na súa intervención na xornada ‘Aplicación de tecnoloxías con cemento na estrada’, organizada polo Instituto Español del Cemento y sus Aplicaciones (IECA), en colaboración coa Xunta de Galicia.

Vázquez subliñou que a reactivación económica que se está a producir permite continuar coa mellora das infraestruturas xa existentes pero, ante todo, intensificar a aposta pola vertebración de Galicia, coa licitación e execución de novas infraestruturas viarias. Neste sentido, apuntou que este incremento na licitación de obra pública terá unha repercusión positiva noutros ámbitos e sectores, que verán acrecentada a súa actividade

A titular de Infraestruturas resaltou o grande esforzo investidor que desde o Goberno galego se ten previsto realizar este ano na execución de novas infraestruturas viarias que incidirán na seguridade e contribuirán a mellorar a calidade de vida dos cidadáns. Así, adiantou que en 2016, entrarán en servizo novas vías como a Autovía da Costa da Morte; o acceso ao Porto de Burela; a vía de altas prestacións Costa Norte, no seu treito Celeiro-San Cibrao; e a nova ponte sobre o río Miño, nos Peares. Estas novas actuacións suman un investimento de 266 millóns de euros e nas que tamén se inclúen os tramos I e II da Autovía do Morrazo, cuxos traballos avanzarán a pleno rendemento este verán. 

A conselleira indicou que a Xunta está a traballar para contar a finais deste ano cos proxectos construtivos da conexión da A-52 co polígono industrial de San Cibrao das Viñas ou o treito III da autovía do Morrazo, que suporán un investimento de máis de 43 millóns de euros. 

A conselleira explicou que as grandes infraestruturas como as citadas significan un consumo elevado do cemento, material cuxas aplicación se abordaron no foro de hoxe que pretende achegar aos profesionais deste sector aos últimos avances e novos aproveitamentos relacionados co cemento, así como abordar a aplicación de novas técnicas e solucións máis innovadoras que poden ofrecer os solos tratados con cemento na renovación  ou construción de estradas.

Neste encontro déronse cita responsables públicos, enxeñeiros, directores de obra, representantes de empresas do sector das estradas e entidades que traballan no ámbito das infraestruturas viarias.

Trátase dun foro de diálogo e de intercambio de experiencias que resulta de interese para os técnicos da Administración galega e a propia Axencia Galega de Infraestruturas; xa que se poderá coñecer de primeira man e afondar nas posibilidades de uso que dos distintos materiais, especialmente o cemento. 

Neste foro tiveron cabida casos prácticos e expuxéronse distintas experiencias construtivas como as adoptadas pola Xunta na  execución da vía de altas prestacións Sarria-Monforte –aberta ao tráfico a finais do pasado ano- ou na Autovía da Costa da Morte  –que será realidade este verán.