12/4/16

A XUNTA COMPROMÉTESE A AXILIZAR OS TRÁMITES DE APROBACIÓN DA INDICACIÓN XEOGRÁFICA PROTEXIDA DE VIÑOS “RIBEIRAS DO MORRAZO”

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias anuncioulles aos promotores desta IXP que o DOG publicará antes de que remate abril o correspondente prego de condicións Santiago, 9 de abril de 2016.- O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará antes de que remate este mes de abril o prego de condicións da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) “Ribeiras do Morrazo”, que amparará os viños producidos nesta zona do litoral pontevedrés. A partires dese momento abrirase un prazo de dous meses para a presentación de alegacións e despois continuará o trámite nas instancias galega, nacional e europea. 
Así llo anunciou a directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, a un grupo de viticultores desta zona, cos que mantivo unha xuntanza de traballo en Santiago. A directora xeral comprometeuse a axilizar os trámites para impulsar esta IXP, co obxectivo de que a vindeira colleita poida estar xa certificada con este selo de calidade diferenciada. O prego de condicións establece as condicións que teñen que cumprir estes viños para seren certificados coa devandita IXP. 
Entre estas características salienta o vínculo coa zona xeográfica de produción (concellos de Bueu, Cangas, Marín, Moaña, Poio, Pontevedra, Redondela e Vilaboa). Este documento, que esta a ser ultimado polos promotores da IXP en colaboración con técnicos da Consellería do Medio Rural, recolle as variedades de uva admitidas, que serán Albariño, Caíño Blanco, Godello, Loureira, Treixadura, Branco lexítimo e Torrontés (en brancos) e Brancellao, Caíño Tino, Pedral, Espadeiro, Loureiro Tinto, Mencía e Sousón (en tintos). Canto á descrición dos viños, o prego de condicións sinala que son “frescos e suaves en boca, limpos, brillantes con aromas francos nos que se aprecian as características propias da materia prima da que proceden, con graduacións alcohólicas moderadas, con aromas florais e de froitas e, finalmente, con boa e equilibrada acidez. Os viños brancos terán potente intensidade aromática e os tintos ben cubertos en fase visual”.