A XUNTA APOSTA POR UNHA DENOMINACIÓN DE ORIXE PROTEXIDA DO MEXILLÓN GALEGO QUE INTEGRE OS INTERESES DE TODA A CADEA DESTE SECTOR

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
A conselleira do Mar respondeu no Parlamento a unha interpelación sobre a etiquetaxe deste produto  
  • Rosa Quintana destacou a importancia do diálogo para clarexar os criterios de etiquetaxe da DOP do mexillón e para dar unidade ao sector mitilicultor, unha tarefa na que administración, sector e grupos políticos debemos participar, sinalou 
  • Advertiu de que a sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra, coñecida hai unhas semanas, non crea xurisprudencia e unicamente ten efectos entre as partes do procedemento 
  • Para clarificar a situación, a Xunta pediu un ditame técnico e biolóxico ao Comité Científico das DOP da Unión Europea para que aclare se o mexillón en conserva é o mesmo produto que o mexillón en fresco, xa que o último ditame desvinculaba á conserva da orixe que se trata de certificar coa DOP
  • Rosa Quintana tildou de paradoxal que certas formacións políticas acusen á Xunta de non defender a DOP, cando foi un Goberno do Partido Popular quen a impulsou co fin de fomentar a calidade deste produto
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, respondeu hoxe no Parlamento a unha interpelación relacionada coa etiquetaxe do mexillón galego e defendeu a aposta da Xunta por unha Denominación de Orixe Protexida do mexillón que integre os intereses de toda a cadea deste sector. Neste sentido, destacou a importancia do diálogo para clarexar os criterios de etiquetaxe da DOP do mexillón e para dar unidade ao sector mitilicultor. “Esta é unha tarefa na que administración, sector e grupos políticos debemos participar”, sinalou.

En relación á sentenza da Audiencia Provincial de Pontevedra coñecida hai unhas semanas, a titular de Mar explicou que non crea xurisprudencia e que unicamente ten efectos entre as partes do procedemento, é dicir, entre unha conserveira en concreto e o Consello Regulador do Mexillón. Trátase, engadiu, dunha sentenza que interpreta a norma en vigor de xeito diferente a como se viña interpretando, por iso é imperativo clarexar a situación. 

Nesta liña, e para poder actuar en consecuencia, a Xunta a través do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente pediu un ditame técnico e biolóxico ao Comité Científico das DOP da Unión Europea para que aclare se o mexillón en conserva é o mesmo produto que o mexillón en fresco. Isto foi solicitado debido a que o último ditame da UE reflectía que eran produtos distintos, desvinculando á conserva da orixe que se trata de certificar coa DOP.

A isto hai que engadir, advertiu Rosa Quintana, que unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia de 2010, ratificada en xullo de 2013 polo Tribunal Supremo, sentenciaba a nulidade de pleno dereito do Regulamento da DOP Mexillón de Galicia, “o que incrementaba aínda máis esa complicación interpretativa”.  

Outro matiz a ter en conta é que “neste momento o Consello Regulador só está a certificar coa marca Mexillón de Galicia o 14% do total da produción de mexillón que se cultiva nas nosas rías”. Isto, advertiu, “deixa fóra da posibilidade de identificar na súa orixe ao 86% do mexillón igualmente galego”. Esta porcentaxe correspóndese cunhas 200.000 toneladas de mexillón galego que quedarían sen posibilidade de especificar a súa orixe. Ademais lembrou que o 40% da produción total de mexillón vai destinado ás conservas, “que ata o de agora non estarían vinculadas ao marchamo da DOP pero si podían indicar a súa procedencia”, puntualizou. 

Esta situación, engadiu a titular de Mar, “debuxa un panorama complicado no que a Administración debe actuar con responsabilidade e rigor apostando polo diálogo entre as partes como solución a este limbo xurídico”. Neste sentido, Rosa Quintana reiterou a defensa que fai a Xunta dos produtos galegos, das marcas de calidade e do Consello Regulador, do conxunto do sector produtor, da industria transformadora e, especialmente, do consumidor. Ademais engadiu que “a Xunta de Galicia seguirá traballando para detectar, erradicar e castigar o mal uso do nome Galicia cando é produto alleo, como se fixo en moitas ocasións e en moitos produtos, incluído o mexillón”. Non podemos intentar confundir a defensa da identificación da orixe coa defensa da fraude, cuestión que este goberno rexeita de pleno, como non podería ser doutro xeito.

Pronunciamentos da UE
Durante a súa intervención, Rosa Quintana, relatou as comunicacións da UE en relación á DOP. Sinalou que en novembro de 2003, o daquela comisario Fischler respondía a unha pregunta no Parlamento Europeo en relación á DOP do mexillón de Galicia. Nesa resposta dicía que no 2003 o Comité científico europeo das denominacións de orixe considerou que o tratamento térmico e a conxelación modifican as características físicas e organolépticas do produto fresco. Segundo indicaba tamén este comité, este cambio fai desaparecer o vínculo entre a calidade do produto fresco e a zona xeográfica de produción. Por iso, os tratamentos descritos non parecían ser compatibles co concepto de denominación de orixe protexida de Mexillón de Galicia. 

Con posterioridade, este criterio de ámbito de protección da DOP ten sido compartido pola Dirección General de Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea, que sinalaba que a DOP só se podería utilizar na presentación en fresco, non sendo posible empregala nas presentacións en conserva, pasteurizadas, escabechadas ou conxeladas. Isto, contido nunha carta de resposta aos conserveiros en 2008 respecto do ámbito de protección da DOP, viña a confirmar o publicado no seu día no Diario Oficial de la Unión Europea a respecto da inscrición da propia DOP. Ademais esta interpretación foi realizada durante a vixencia do Regulamento europeo do ano 2006 sobre a protección das IXP e DO dos produtos agrícolas e alimenticios.


Finalmente, Rosa Quintana tildou de paradoxal que certas formacións políticas acusen á Xunta de non defender esta Denominación de Orixe. A conselleira dirixiuse ao representante da formación socialista para lembrarlle que “foi un Goberno do Partido Popular quen impulsou a DOP do mexillón para fomentar a calidade deste produto, que se converteu no primeiro do mar en Europa en obter o distintivo de calidade Denominación de Orixe Protexida", explicou.


Desde a posición do BNG sobre este asunto, a visión é outra :

O deputado do BNG, Daniel Rodas denunciou que se está a envasar “chorito”, mexillón procedente de Chile, como  mexillón galego

O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre o cumprimento da lei na  etiquetaxe do mexillón galego tras unha recente sentenza que ratifica a vulneración da legalidade marcada pola Denominación de Orixe Protexida (DOP).

Rodas explicou que a recente sentenza protexe o enlatado do mexillón baixo a  denominación de orixe protexida pero enfronta a dous intereses e modelos ben diferentes, por unha banda, dixo, o do “oligopolio da conserva” que dende o ano 2007 substituíu o mexillón galego polo “chorito” mantendo os baixos prezos dende hai unha década aínda que o etiqueta como galego e por outra, os intereses do  sector extractivo con 3.300 bateas e 12.000 persoas que viven directamente deste produto con prezos en fresco “por debaixo dos de hai unha década”.

A conselleira Rosa Quintana defendeu a etiquetaxe do mexillón galego  e a súa DOP pero matizou que  non representa máis do 14% da produción total.

O BNG acusa a Quintana de tentar enganar o sector do mexillón

Na réplica, Rodas acusou a titular da consellería do  Mar de tentar enganar ao sector ao igual que fixo, afirmou o nacionalista,  co anteproxecto de lei de Acuicultura, momento no  que  “mostrou a súa verdadeira  faciana”.

O deputado explicou que no ano 2007 determinados conserveiros marcharon a Chile para seren produtores de mexillón nese país. Hai un colectivo, afirmou  que ten interese por blindar o seu modelo produtivo que non é outro que o mexillón na súa produción conte cun baixo prezo e que o produto en conserva sexa foráneo e vostede nesta materia, mantén “unha dobre moral”, por unha banda apoia a DOP e por outra di que non representa máis que o 14%.


A súa dobre posición é a que ven mantendo historicamente e que aboca ao sector a enfrontamentos e falta de criterio sobre o prezo. Vostede “minte” cando di “tolerancia cero” cando en realidade a maior parte do mexillóns transformado en Galiza, “non é galego”, referiu Rodas