11/4/16

A XUNTA ACHEGA ÁS EMPRESAS DE VIGO OS INSTRUMENTOS DE APOIO AOS INVESTIMENTOS PARA FACILITAR A XERACIÓN DE EMPREGO

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
Os directores do Igape e de Xesgalicia participan nun encontro informativo no Circulo de Empresarios de Galicia para expoñer o amplo abano de mecanismos activados polo Goberno galego para facilitar a actividade empresarial.
Aguilera salienta que o Igape dispón de préstamos directos ou bonificados, así como de liñas de axudas para cubrir ata o 35% de investimentos, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de emprego. 
Cividanes destaca que os fondos de capital risco e préstamos participativos de Xesgalicia cobren necesidades de financiamento tanto para fases de arranque como de crecemento e diversificación das empresas 

O director do Igape, Javier Aguilera, e o de Xesgalicia, Juan Cividanes, participaron esta mañá en Vigo nun encontro de traballo con empresarios da comarca para informar sobre os diversos instrumentos activados este ano pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar tanto os novos investimentos como a ampliación e desenvolvemento de proxectos xa existentes. Aguilera salientou que, no marco do programa Galicia 1000, o Igape e Xesgalicia ofrecen un amplo abano de instrumentos para facilitar a actividade empresarial entre os que destacou o capital risco, os préstamos participativos ou directos, e os préstamos bonificados ou avalados. Aguilera lembrou que, ademais, o Igape mantén activo o programa Galicia Inviste, con liñas de axudas para cubrir ata o 35% de investimentos, comprendidos entre 50.000 e 900.000 euros, tanto en novos equipamentos produtivos como en proxectos xeradores de emprego. O obxectivo destes programas é procurar que as Pemes conten en todo momento cos apoios que precisen, á medida dos seus proxectos para investir, crear emprego, acceder a novos mercados internacionais ou operar con normalidade, indicou. Pola súa banda, o director de Xesgalicia, Juan Cividanes, informou sobre os instrumentos de capital risco que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para apoiar os investimentos empresariais en Galicia, en todas as fases de desenvolvemento dos proxectos: crecemento e arranque, a través do Fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras; consolidación e crecemento, a través dos Fondos Xes Innova e I2C; diversificación, a través de Sodiga ou o Fondo Emprende; ou para superar dificultades, a través do Fondo Adiante. Mediante os instrumentos activados ao abeiro dos programas Galicia 1000 e Galicia Inviste, a Consellería de Economía, Emprego e Industria pretende que ningún proxecto empresarial viable quede sen desenvolver por falta de instrumentos de apoio axeitados ás súas peculiaridades.