14/4/16

A ESTRATEXIA DA XUNTA DE IMPULSO Á BIOTECNOLOXÍA PREVÉ UN INVESTIMENTO MOBILIZADO DE 200 MILLÓNS DE EUROS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

A ESTRATEXIA DA XUNTA DE IMPULSO Á BIOTECNOLOXÍA PREVÉ UN INVESTIMENTO MOBILIZADO DE 200 MILLÓNS DE EUROS PARA FACER DE GALICIA UN REFERENTE NO SECTOR
  • Feijóo afirma que a Estratexia ten como fin que se creen 30 novas empresas biotecnolóxicas, acadar unha facturación de 300 millóns de euros e que se xeren 300 novos empregos cualificados
  • Apunta que a Estratexia prioriza tres áreas: o aproveitamento dos recursos nos que somos unha potencia para a obtención de alimentos antienvellecemento ou a xestión sustentable dos recursos marítimos; facer máis competitiva a industria tradicional a través da innovación, aplicándoa ao sector lácteo ou á xestión sanitaria da industria animal; e valorizar o coñecemento en áreas de fortaleza competitiva, empregando as novas tecnoloxías para a medicina personalizada, a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras
  • Destaca que o obxectivo é facer de Galicia un Biopolo que creza en catro sentidos: con máis empresas e máis potentes, con máis oportunidades de negocio e con máis emprego cualificado
  • Lembra que Galicia xa é unha das comunidades máis potentes de España no sector, como así o constata o feito de que o 2,11% de novas empresas que nacen en Galicia son biotecnolóxicas, o dobre da media española
 O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que a Estratexia galega de impulso á biotecnoloxía 2016-2020 prevé un investimento mobilizado de 200 millóns de euros para facer de Galicia un referente neste sector. 

Desa cantidade, segundo especificou o titular da Xunta, 125 millóns proveñen de fondos públicos e 75 millóns de capital privado mobilizado. Trátase de máis do dobre de financiamento co que contou o sector no período 2012-2015, concretamente, un 117% máis. 

Así mesmo, Feijóo especificou que neste último período activáronse 92 millóns de euros para apoiar a biotecnoloxía, centrados fundamentalmente nos proxectos de innovación empresarial apoiados por programas como o Conecta Peme, o Interconecta, as Unidades Mixtas de Investigación e as distintas aceleradoras; no respaldo á compra pública innovadora; no apoio aos organismos de investigación; nos diferentes programas do Igape; e no financiamento mediante capital risco. Para este ano 2016, o investimento público-privado sitúase nos 37 millóns de euros

Os obxectivos da Estratexia
Como indicou Feijóo, o camiño cara ao recoñecemento internacional do noso sector biotecnolóxico pasa por tres obxectivos fundamentais: crear 30 novas empresas biotecnolóxicas en Galicia nos vindeiros cinco anos, un 15% máis das preto de 220 que temos hoxe; sumar, entre todas elas, unha facturación de 300 millóns de euros, un 20% máis que na actualidade; e xerar 300 novos empregos cualificados no sector, un 25% máis dos actuais.

Por outra banda, o presidente da Xunta agradeceu as achegas coas que se elaborou esta estratexia, que contou coa colaboración de 66 axentes entre empresas, institucións, organismos e centros de investigación e universidades. 

Ademais, engadiu que o documento prioriza tres áreas: o aproveitamento dos recursos nos que somos unha potencia para a obtención de alimentos antienvellecemento ou a xestión sustentable dos recursos marítimos; facer máis competitiva a industria tradicional a través da innovación, aplicándoa ao sector lácteo ou á xestión sanitaria da industria animal; e valorizar o coñecemento en áreas de fortaleza competitiva, empregando as novas tecnoloxías para a medicina personalizada, a innovación aberta no descubrimento de fármacos e as tecnoloxías facilitadoras.

Por tanto, como subliñou Feijóo, trátase dunha folla de ruta na que o Goberno galego pon moitas esperanzas. O obxectivo é facer de Galicia un Biopolo que creza en catro sentidos: con máis empresas e máis potentes, con máis oportunidades de negocio e con máis emprego cualificado.


O máximo responsable autonómico lembrou que Galicia xa é unha das comunidades máis potentes de España neste sector, como así o constata o feito de que o 2,11% de novas empresas que nacen en Galicia son biotecnolóxicas, o dobre da media española. Ademais, é a cuarta comunidade con máis emprendemento no sector e representa o  5,1% do gasto público estatal en I+D+i biotecnolóxico.