7/4/16

A EGAP DESTACA A IMPORTANCIA DOS NOVOS FONDOS EUROPEOS COMO UNHA OPORTUNIDADE ÚNICA PARA SITUAR A GALICIA ENTRE AS ECONOMÍAS MÁIS AVANZADAS

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)
  • A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou un curso monográfico sobre os novos fondos europeos e a súa execución en España
  • Destacou que o curso “contribuirá a un mellor aproveitamento dos investimentos, conseguindo impulsar a competitividade e a innovación” na nosa Comunidade
  • Participarán representantes da Comisión Europea, Administración do Estado e Xunta de Galicia, ademais de xuíces e expertos en Dereito Administrativo 

A directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, inaugurou hoxe o curso monográfico Os novos fondos europeos e a súa execución en España, que durante dous días reúne en Santiago de Compostela a destacados representantes da Comisión Europea, Administración do Estado e Xunta de Galicia, xuíces e expertos en Dereito Administrativo. 

Neste curso, ao que asisten preto de 200 persoas, os participantes analizarán o novo marco normativo dos fondos comunitarios para o período 2014-2020, a distribución de competencias entre as distintas administracións públicas -europea, estatal ou autonómica-, a funcionalidade dos contratos administrativos e das subvencións como instrumentos de execución e a repercusión destes fondos na Comunidade galega.

Na inauguración, a directora da EGAP sinalou que a nova orientación dos fondos europeos ofrece a Galicia “unha oportunidade única de despegue económico que debemos aproveitar para achegarnos ás economías máis avanzadas”. 

Rodríguez-Campos lembrou que no novo período de financiamento comunitario, 2014-2020, Galicia reterá máis do 80 por cento dos fondos concedidos no período anterior grazas a un tratamento especial concedido polo feito de abandonar por primeira vez o grupo de rexións menos desenvolvidas. “A partir de 2020, este importe reducirase previsiblemente dun xeito significativo, polo que é importante aproveitar ao máximo a execución destes fondos”, apuntou. 

Durante a súa intervención, a directora de EGAP destacou a importancia da información e a formación sobre as novidades da nova regulación e a implementación dos fondos comunitarios no período de programación 2014-2020. “Este curso contribuirá a un mellor aproveitamento dos investimentos, conseguindo impulsar a competitividade e a innovación dentro da nosa comunidade”.  

No acto de inauguración tamén participou o director do curso e profesor de Dereito Administrativo da UNED, Jesús Fuentetaja Pastor, que destacou a importancia das novidades que incorpora o paquete normativo europeo, que garante un mellor e correcto uso dos fondos mediante mecanismos de control e supervisión por parte da UE, sen obstaculizar os obxectivos e prioridades destes fondos. “Hai unha maduración de carácter normativo respecto a lexislación anterior”, afirmou.

A sesión de hoxe inclúe relatorios sobre os retos na xestión dos fondos da UE para os estados membros, facendo especial fincapé no Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o Fondo Social Europeo (FSE), a xestión compartida entre as distintas administracións e a execución dos fondos en España.

Xornada do venres
O curso continuará mañá venres coa participación de Guzmán García, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo, que falará sobre os programas e proxectos como marco político estratéxico dos fondos europeos. 

Os contratos administrativos como instrumentos de execución dos fondos europeos será o tema do relatorio do xuíz do Contencioso-Administrativo e membro da Rede Xudicial de Especialistas en Dereito Europeo, David Ordoñez Solís.


Posteriormente, intervirá Ana Belén Sanz Trigo, do Fondo Social Europeo, co relatorio sobre as subvencións como instrumentos de execución dos fondos europeos. Por último, o subdirector xeral de planificación da Consellería de Facenda, Ángel Luis Tarrío Tobar, falará sobre os fondos europeos en Galicia..