A DEPUTACIÓN PRESENTA UN PROXECTO PARA IMPULSAR A MEMORIA HISTÓRICA

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O proxecto, titulado “O Miño: solidariedade sen fronteiras”, desenvolverase na provincia de Pontevedra, Melgaço e Valença 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada dos deputados provinciais, David Regades e Juan González, de representantes das Cámaras Municipais de Melgaço e Valença, da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) e do Instituto de Estudios Miñorans (IEM), presentou o proxecto “O Miño: Solidariedade sen Fronteiras” para o impulso da memoria histórica na provincia de Pontevedra e norte de Portugal.

Carmela Silva comezou a súa intervención coa reflexión de Saramago “hai que recuperar, manter e transmitir a memoria histórica, porque se empeza polo esquecemento e termínase na indiferenza”. Neste eido, Silva manifestou que “para non acabar na indiferenza e evitar acontecementos como os que tiveron lugar durante a Guerra Civil, e que lamentablemente estamos a vivir neste momento en Europa, puxemos en marcha o proxecto que servirá para recuperar a nosa memoria histórica e poñer en valor a tantas mulleres e homes que, loitando por un mundo igualitario e máis xusto, puxeron en perigo ou perderon as súas vidas”.

A Presidenta da Deputación explicou que “O Miño: Solidariedade sen Fronteiras”, cun orzamento de 125.000 €, trátase dun proxecto transnacional que se presenta, por vez primeira, ó programa “Europa cos cidadáns”. A súa finalidade é sensibilizar sobre a memoria histórica, incentivando a participación e dirixíndose, principalmente, á poboación xuvenil da provincia de Pontevedra e Norte de Portugal.  Para elo, darase a coñecer como afectou o conflito a ambos lados do Miño e farase fincapé en como milleiras e milleiros de galegas e galegos cruzaron o río fuxindo da guerra, da fame, da miseria e da represión e daquelas e daqueles que arriscaron as súas vidas para abastecer á provincia de alimentos e medicamentos.  

O proxecto tamén vai contribuír á reparación e recuperación da memoria individual e colectiva das persoas represaliadas e refuxiadas da Guerra Civil Española, renderlles unha homenaxe ás vítimas e un recoñecemento ó pobo portugués, fortalecendo o sentimento europeo e os valores solidarios, democráticos e de paz que, tal e como subliñou Silva, “hoxe, na Unión Europea, están sendo cuestionados”. Neste eido, a Presidenta da Deputación destacou que “O Miño: Solidariedade sen Fronteiras” nos vai converter nunha administración decente”.

Pola súa banda o deputado provincial Juan González destacou que o proxecto se asenta no coñecemento, difusión e participación para divulgar a historia de España entre 1936 e 1939, impulsando a importancia dunha Europa símbolo de solidariedade, diálogo e defensa da democracia. Amais, trata de fomentar a reflexión e motivar a participación cidadá, poñendo en valor os lazos existentes entre España e Portugal, a través de accións que se desenvolverán entre setembro de 2016 e xuño de 2018.

Así, desenvolveranse uns obradoiros didácticos sobre memoria e fronteira, dirixidos ó alumnado de 17 anos de institutos de Pontevedra, Valença e Melgaço, a través dos cales preténdese achegar os feitos históricos e fomentar o debate sobre as consecuencias das guerras nas sociedades civís e no espazo europeo. Estes obradoiros, compostos de accións creativas e recursos audiovisuais, serán coordinados pola Asociación Galega de Reporteiros Solidarios e o Instituto de Estudos Miñoráns. 


Tamén se desenvolverá un certame aberto de investigación, ó que poderán presentarse persoas cuxa investigación verse sobre a recuperación da memoria histórica e a Guerra Civil Española, que concluirá cun foro de debate para a posta en común dos resultados. Outra das actuacións será unha exposición itinerante dos camiños da solidariedade, con materiais aportados polo Instituto de Estudos Miñoráns, e un encontro cultural pola memoria e a paz que pretende agradecer a solidariedade e refuxio do pobo portugués coas persoas represaliadas da Guerra Civil Española.