A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA PROMOVE O DESTINO RÍAS BAIXAS NO FESTIVAL DE CINE DE MÁLAGA

RIAS BAIXAS TRIBUNA / Redacción)

O 24 de abril ás 11:30, e mediante a proxección da primeira longametraxe documental sobre cociña galega “Cociñando na fin do mundo”, a Deputación promoverá as Rías Baixas no Festival de Cine de Málaga
A ocupación hoteleira da provincia de Pontevedra durante a pasada Semana Santa foi do 70%, un dos mellores resultados desde o inicio da crise
Por vez primeira a Deputación de Pontevedra promove unha liña de subvencións, por valor de 200.000 €, para o fomento do turismo

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, o director do documental “Cociñando na fin do mundo”, Alberto Bahamonde, e o cociñeiro do grupo Nove e estrela Michelin, Pepe Solla, deron a coñecer a actuación promocional do destino Rías Baixas que terá lugar no marco da Gastroweekend do Festival de Cine de Málaga. 
Carmela Silva recordou que a través de Turismo Rías Baixas “estamos a realizar unha serie de actuacións para modernizar a nosa provincia e impulsar o sector turístico que iniciamos en  Fitur, dando a coñecer a parte máis vangardista e moderna das Rías Baixas a través da súa arquitectura contemporánea, continuamos en no “Espazo Atlántico” de Pepe Solla en Madrid, a través da campaña de gran repercusión “62 razóns para vir ás Rías Baixas”  e seguiremos en Málaga, o vindeiro 24 de abril, no Festival de Cine”. Neste caso, e tal e como destacou Silva, Turismo Rías Baixas apostará pola gastronomía, a través da proxección do documental “Cociñando na fin do mundo”, protagonizado por 9 cociñeiros da provincia de Pontevedra pertencentes ó grupo Nove (Alberto G. Prelcic, Restaurante Silabario de Tui e estela Michelin; Antonio Botana, Restaurante Pandemonium de Cambados; Iñaki Bretal, Restaurante Eirado da Leña en Pontevedra; Javier Olleros, Restaurante Culler de Pau en O Grove e estrela Michelin; Pablo Romero, da vinoteca Bagos de Pontevedra; Pepe Solla, do Restaurante Casa Solla de Poio e estrela Michelin; Rafael Centeno, do Restaurante Maruja Limón de Vigo e estrela Michelin; Xosé Torres Cannas, do Restaurante Pepe Veira de Poio e estrela Michelin e Yayo Daporta, do Restaurante Yayo Daporta de Cambados e estrela Michelin).
 “Cociñando na fin do mundo” permitirá dar a coñecer produtos e paisaxes das Rías Baixas, o tradicional cocido ou a pesca da lamprea, os viñedos da D.O. Rías Baixas que se alongan ata o mar, a horta aromática da finca de Pepe Veira ou o traballo da Misión Biolóxica con variades como o guisante lágrima. Ó mesmo tempo, a través do documental, tal e como destacou Carmela Silva, “poremos en valor unha das principais causas pola que os turistas veñen ás Rías Baixas, sinónimo de calidade, profesionalidade,  un dos nosos puntos fortes, da man daqueles que teñen demostrado o seu bo facer por enxalzar o produto e materias primas da provincia de Pontevedra, situándoa en tan boa posición no mundo”. 
Por outra parte, a Presidenta da Deputación agradeceu ó deputado delegado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, “a súa capacidade para revolucionar e impulsar a actividade turística da provincia de Pontevedra” e manifestou que “as administracións debemos escoitar o que está pasando fóra das nosas portas e, nas Rías Baixas, está pasando algo que debemos poñer en valor para impulsar unha imaxe máis moderna da nosa provincia”.
Alberto Bahamonde, director de “Cociñando na fin do mundo” subliñou que o filme, estreado no Festival de San Sebastián e que xa se deu a coñecer en Australia, trátase “da primeira longametraxe documental sobre cociña galega que pretende visibilizar este aspecto tan característico da nosa provincia, dando a coñecer dende os propios cociñeiros ata os produtores e a materia prima”.
Pola súa banda, Pepe Solla destacou que unha vez rematada a proxección da longametraxe terá lugar unha “sesión vermouth”, amenizada pola música de Radio Pesquera, autores da música do documental, con produtos típicos da provincia para animar a que “a xente de Málaga, xa que en breve comezará a operar a liña aérea entre Vigo e Málaga, veña ás Rías Baixas e desfrute do noso destino”. 
Ocupación hoteleira
Carmela Silva destacou que “o turismo é un sector primordial para o desenvolvemento económico e social da provincia, pola súa capacidade de creación de emprego e riqueza que contribúen a mellorar as condicións das veciñas e veciños da nosa provincia. Por tal motivo, sentímonos moi orgullosos de que a pasada semana santa, pese ó mal tempo que tivemos a partir do venres, fose unha das mellores desde o inicio da crise”.
A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que as previsión e estimacións elaboradas por Turismo Rías Baixas “non nos enganaban xa que a ocupación definitiva a nivel provincial foi do 70%, superando a estimación prevista en comarcas como O Salnés (73%), O Morrazo (79%), Caldas (67%), Vigo (75%) e mantendo os resultados en Pontevedra (80%) e O Condado/A Paradanta (50%)”. Silva destacou o caso dos establecementos de turismo termal, “cuxa estimación estaba no 85% e chegou ó 90%, rozando o cheo absoluto nalgunhas zonas” e engadiu que “as casas de turismo rural mantiveron unha ocupación do 61% superando os resultados das estimacións en O Salnés (73%), Pontevedra (81%), O Morrazo (73%), Caldas (67%), O Condado/A Paradanta (53%) e mantendo os resultados en O Baixo Miño (70%) ”. 
Primeira liña de subvencións para o fomento do turismo
De cara ó verán, ademais da promoción que desenvolverá Turismo Rías Baixas o 24 de abril en Málaga,  a Presidenta da Deputación de Pontevedra asegurou que “estamos a impulsar novas actuacións para que a vindeira temporada sexa tamén unha das mellores desde o inicio da crise, e traballando para manter un sector turístico competitivo, de calidade e accesible, poñendo en valor os recursos singulares da provincia como medio para desestacionalizar a demanda, apostando pola modernización e a mellora das actividades turísticas na provincia de Pontevedra”. Neste contexto, Carmela Silva deu a coñecer que a institución provincial sacou, por vez primeira, unha liña de subvencións destinada ó fomento do turismo a través da cal “destinaremos 200.000 € a entidades sen ánimo de lucro que traballan para promover actuacións e actividades para o fomento do turismo e a profesionalización do sector turístico da provincia de Pontevedra durante o 2016”. 
A esta convocatoria de subvencións poderán presentarse proxectos e actividades de fomento do turismo dirixidas e executadas por entidades e profesionais do sector turístico da provincia de Pontevedra que recibirán, por concorrencia competitiva e como máximo, 10.000 €. Os proxectos que se poderán presentar ás subvencións terán como fins, entre outros, a promoción e estímulo dun sector turístico competitivo, de calidade, accesible e sostible, o impulso da desestacionalización do sector, da modernización e a promoción da provincia de Pontevedra como destino turístico de calidade; o deseño e execución de campañas de promoción turística da provincia; a participación en feiras, certames e congresos relacionados co sector turístico; o emprego das novas tecnoloxías e a formación dos recursos humanos para unha mellora nas condicións do traballo do sector turístico e todas aquelas actividades que contribúan a que a nosa provincia sexa un destino único e diferencial, facendo fincapé na natureza, o medio ambiente e a paisaxe, as festas e tradicións populares, o patrimonio cultural e lingüístico, a gastronomía e enoloxía, a saúde, o benestar e o termalismo.
O prazo para a presentación de solicitudes, no rexistro xeral ou en calquera das oficinas de rexistro da Deputación, será de 20 días naturais, contados a partir da publicación do extracto da convocatoria no BOPPO.