18/3/16

TURISMO RÍAS BAIXAS ESTIMA QUE A OCUPACIÓN HOTELEIRA NA COMARCA DO MORRAZO DURANTE A SEMANA SANTA SERÁ DO 75%


A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, deu a coñecer que se estima unha ocupación próxima ó 70% en toda a provincia
A institución provincial detecta un incremento no número de turistas que visitan as oficinas de información que xestiona con respecto ó mesmo período do 2015

Carmela Silva Rego
A falta das reservas de última hora, tal e como subliñou Carmela Silva, a ocupación hoteleira estimada para a provincia de Pontevedra será de aproximadamente o 70%. A Presidenta da Deputación de Pontevedra fixo fincapé especialmente nos establecementos de turismo termal, cuxa estimación de ocupación acada o 85%.  Na comarca do Morrazo se prevé que a ocupación sexa superior á provincial, acadando o 75% e, nos establecementos de turismo rural, do 68%, 7 puntos por riba da estimación provincial que é do 61%.
As persoas que viaxan ata as Rías Baixas son principalmente de España, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos, que se decantan por un turismo en familia, chegan ata a nosa provincia en coche e amosan o seu interese nos aspectos culturais da provincia de Pontevedra. 
Para acollelos nas mellores condicións, Carmela Silva informou que a Deputación de Pontevedra a través de Turismo Rías Baixas ten xa preparadas as súas oficinas de información turística de Pontevedra (Palacete das Mendoza), do Aeroporto de Vigo e do Mosteiro da Armenteira, que estarán abertas durante toda a Semana Santa en amplos horarios. Precisamente nestas oficinas, tal e como manifestou a Presidenta, “estamos a detectar un incremento do número de visitantes no primeiro trimestre do ano e con respecto ó ano anterior”. Así, na oficina do aeroporto de Vigo o aumento é do 13%, na oficina do  Mosteiro da Armenteira do 8% e no Palacete das Mendoza o incremento é do 3%.
Amais das oficinas xestionadas directamente por Turismo Rías Baixas, haberá numerosas oficinas municipais abertas na provincia de Pontevedra. Carmela Silva subliñou que “en todas as oficinas da provincia se distribuirá o material de promoción que precisen, co fin de atender ás necesidades de cada zona, sendo a guía de rías e ríos e a de cultura as de maior saída”.
En moitas destas oficinas traballará persoal subvencionado pola Deputación de Pontevedra. Así, grazas á liña 4 do Plan Concellos da institución provincial, que xa está distribuída ó 100%, 11 persoas traballarán entre 3 e 11 meses en 6 concellos da provincia para atender ós turistas que visiten as Rías Baixas. En concreto, trátase de Cambados, Lalín, Meaño, Poio, Redondela e Salvaterra de Miño que solicitaron persoal relacionado co turismo, ben sexan guías, informadoras e informadores, auxiliares ou graduadas e graduados en turismo.
De cara ó verán, ademais, a Presidenta da Deputación destacou que “a través do programa da Deputación de Pontevedra “Plan de Práctica Laboral en Concellos e Deputación” está previsto que a partir de maio comecen a traballar ben nos concellos ou na institución provincial 12 bolseiras e bolseiros graduadas e graduados en turismo e 7 bolseiras e bolseiros do ciclo superior en animación sociocultural e turística”. Carmela Silva tamén informou que de cara ós vindeiros meses sairán bolsas de Turismo Rías Baixas para que informadoras e informadores turísticos poidan atender as oficinas municipais de turismo. Neste eido, tal e como destacou a Presidenta, “o obxectivo é que todos os concellos da provincia de Pontevedra teñan recursos humanos formados para atender as demandas dos turistas que visiten Rías Baixas”.
Carmela Silva destacou que “o turismo é un dos sectores máis relevantes da provincia de Pontevedra, con gran capacidade para xerar dinamismo económico e emprego”. Por tal motivo, e co obxectivo de incrementar o número de turistas, a Deputación de Pontevedra realizou durante estes tres primeiros meses do ano un traballo previo de captación de turistas, promovendo e potenciando actividades para fomentar e desenvolver o turismo na provincia e mellorar a imaxe turística do destino. Así, a Presidenta da institución provincial destacou que “as actuacións iniciáronse en Fitur, coa presentación da ruta arquitectónica para descubrir as Rías Baixas que conseguiu bater records nas redes sociales, acadando máis de 160.000 visualizacións en Facebook, e continuou no Espazo Atlántico de Pepe Solla en Madrid, coa presentación da campaña 62 razóns para visitar Rías Baixas, con case 85.000 usuarios alcanzados en redes sociais e publicacións en webs como guiamaximin.com, delascosasdelcomer.com ou restauranthotelbar.com.  Amais, realizouse un investimento de 60.000 € en campañas en revistas e webs especializadas como Conde Nast Traveller, destinia.com, Exclusive Magazine, Guía del Ocio, minube, On Magazine, Hola Viaxes, National Geographic, rumbo…”

Por outra banda, Carmela Silva informou que a través da páxina web da Deputación de Pontevedra ofreceranse contidos específicos con “dez propostas para unha Semana Santa diferente”: http://www.depo.es/semana-santa-nas-rias-baixas. Estas propostas incluirán, tal e como detallou Silva, información sobre Semana Santa de Interese turístico na provincia, entre as que se atopa Cangas, festas de interese turístico, percorridos por espazos históricos e relixiosos, visita ó Parque nacional das Illas Atlánticas de Galicia, Camiño de Santiago, percorrido polos xacementos da provincia de Pontevedra, visitas guiadas no Museo de Pontevedra, arquitectura contemporánea polas Rías Baixas, conxuntos histórico artísticos ou a ruta da camelia.