Tellado pon en valor que o Goberno galego reforce a súa aposta pola transparencia

O portavoz dos populares de Galicia, Miguel Tellado, puxo en valor que o Goberno galego reforce a súa aposta pola transparencia.

Así se expresou o voceiro trala apertura do Portal de Transparencia e Goberno aberto que, coincidindo coa entrada en vigor da Lei de Transparencia e Bo Goberno, abriu a Xunta co obxectivo de que os cidadáns teñan unha lei plenamente efectiva e unha Administración á que poder acceder facilmente.

Tellado celebrou que a nosa comunidade conte agora cun Goberno aínda máis aberto, máis accesible e que está máis controlado por aqueles para os que está ao servizo: todos os galegos.

E é que, grazas a esta iniciativa facilitarase un acceso sinxelo e directo a contido que antes tamén se publicaba pero que estaba disperso, como pode ser a normativa en tramitación, os efectivos de persoal público e as retribucións ou os perfís e declaracións de actividades dos altos cargos. 

Así mesmo, o Portal incorpora numerosa información inédita, da que é a primeira vez que se fai de acceso público na historia da autonomía. É o caso da relación dos bens inmobles propiedade da Xunta, a conta xeral da Comunidade, a información das viaxes dos altos cargos ou a información relativa aos liberados sindicais na Administración autonómica.  

O portavoz quixo salientar que esta medida é unha mostra máis do compromiso da Xunta por achegarse á cidadanía e por facilitar, mediante este tipo de iniciativas, que a xente tamén se acerque máis ao Goberno cunha maior información e control sobre el. 

Cómpre lembrar que, ademais, a Plataforma de Contratos publicará diariamente aqueles considerados menores que se asinen no día anterior. 


Xa nos vindeiros días, cando comecen a asinarse convenios que estean baixo a vixencia desta lei, incorporaranse ao Portal facilitando por primeira vez o acceso ao texto completo do convenio.