SOGAMA REDUCE EN PRETO DE 230.000 TONELADAS OS RESIDUOS QUE DESVÍA AO VERTEDOIRO DE AREOSA, QUE XA TEN O 85% DA SÚA SUPERFICIE CLAUSURADA

A Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA) conseguiu reducir dunha forma notable desde 2008 a cantidade de residuos que se desvían ao vertedoiro de Areosa por non poder ser reciclados, reutilizados ou valorizados. En concreto, en 2008 desviáronse 413.000 toneladas, unha cifra que descendeu ata as 185.000 en 2015, isto é, en 2008 derivábanse un 123% máis de residuos. 

Así o puxo en valor hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante a súa visita a este vertedoiro, que xa ten o 85% da súa superficie “perfectamente clausurada e selada”.

A titular do departamento autonómico lembrou que o obxectivo é desviar a Areosa a menor porcentaxe de residuos posibles, isto é, que sexa a “última opción”. Para conseguilo, apostou por seguir promovendo entre a cidadanía a importancia da redución e da reutilización. Tamén defendeu a necesidade de seguir traballando para conseguir as máximas cotas de eficiencia na recuperación e reciclaxe na fase de procesamento de residuos. “Redución, reutilización, reciclaxe e recuperación enerxética da parte non reciclable conforman as 4 erres, que son unha guía imprescindible á hora de tratar cos residuos”, subliñou. 

Con todo, hai residuos que non se poden valorizar material ou enerxeticamente, polo que teñen que ser desviados ao vertedoiro. Para abordar estas situacións, é preciso contar con instalacións que cumpran “estritamente” as esixencias de control e seguridade, como é o caso de Areosa.

Ao respecto, Mato recordou que se teñen acometido importante melloras neste vertedoiro, grazas ao Plan de acción que se puxo en marcha en 2009. Entre outros fitos, destacou o incremento da capacidade de almacenamento de lixiviados, coa posta en marcha de dúas balsas de 4.000 metros cúbicos cada unha; o aumento das depuradoras, que pasaron de dúas a catro, o que permitiu elevar a capacidade de depuración nun 200%; o mellor aproveitamento da enerxía que producen estes residuos a través da Planta de Biogás, que produciu o ano pasado máis de 13.000 megavatios/hora, un 140% máis que en 2008; ou a ampliación da parte sur do vertedoiro, que se acometeu en 2012 grazas a un investimento de 1,6 millóns de euros. De feito, esta parte sur é a única en explotación actualmente, e ten unha capacidade de almacenamento para 3,2 millóns de toneladas. Se se toma como referencia o nivel de entrada de residuos actuais, “isto daríalle unha capacidade para 15 anos máis”, adiantou Mato.

O Goberno galego inviste anualmente preto de 8 millóns de euros para a operación e mantemento deste vertedoiro en concreto.

Novas instalacións
A conselleira explicou tamén que este traballo, comezado en 2009, vai proseguir nos próximos anos con novas actuacións. Así, precisou que aínda que Areosa xa conta cunhas “instalacións óptimas e de máxima seguridade”, o obxectivo é melloralas aínda máis coa construción dunha nova planta de compostaxe, que terá unha capacidade de 15.000 toneladas e un orzamento de preto de 4 millóns de euros.

Ademais, xa no que se refire ao complexo medio ambiental de Cerceda, construirase unha nova planta de recuperación de envases procedentes do lixo en masa, e remodelarase a actual planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible. O investimento nestas actuacións ascenderá a 30 millóns de euros, e actualmente están xa en fase de concurso.

Con esta nova planta, poderanse incrementar as toneladas que se tratan no complexo, que xa acadou en 2015 a cifra histórica de 583.000 toneladas de residuos procesadas. Coas novas instalacións, a cifra podería acadar as 750.000 toneladas, o que redundaría, á súa vez, nunha diminución dos residuos que se desvían a Areosa, que se situarían en menos de 100.000 toneladas ao ano.

“En definitiva”, rematou Mato, “estamos a traballar para que SOGAMA conte coas mellores instalacións, que actúe coa máxima eficiencia, que contribúa á conciencia cidadá, e que ofreza cada día os mellores servizos aos concellos”.