PROMOVEN A MELLORA DA EMPREGABILIDADE A TRAVÉS DE OBRADOIROS DE AGRICULTURA ECOLÓXICA E TURISMO

A-XUNTA-APOIA-NA-COMARCA-DO-SALNÉS A MELLORA DA EMPREGABILIDADE A TRAVÉS DUN OBRADOIRO DE AGRICULTURA ECOLÓXICA E TURISMO 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron hoxe na clausura e entrega de diplomas do programa mixto de formación e emprego ‘Vista Real I’
Os participantes formáronse e recibiron un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional
Esta iniciativa favorece a inserción laboral das persoas desempregadas e contribúe a fixar poboación no ámbito rural
A formación, capacitación e especialización é un dos eixos prioritarios da Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participaron hoxe en Vilanova de Arousa na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego ‘Vista Real I’, no que preto de 20 alumnos e alumnas recibiron unha formación e un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional nas especialidades de agricultura ecolóxica e turismo. 

Alfonso Marnotes destacou que estes programas mixtos de formación e emprego favorecen o cumprimento dunha serie de obxectivos estratéxicos para a Xunta. Por unha banda, permiten ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas, apostando pola creación de empregos; e por outra, contribúen a fixar poboación no ámbito rural. 

A través desta iniciativa, na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria investiu preto de 170.000 euros, 11 participantes accederon a unha formación sobre agricultura ecolóxica, mentres que outros 8 alumnos e alumnas especializáronse en promoción turística local e na atención do centro de información ao visitante.

O obradoiro ofrece unha cualificación tanto teórica como práctica de calidade e orientada fundamentalmente ás necesidades do mercado laboral da comarca do Salnés. Os alumnos e alumnas recuperaron e acondicionaron espazos destinados para o desenvolvemento da agricultura ecolóxica (produción de hortalizas na parcela do Pazo de Vista Real), polo que obtiveron o certificado de profesionalidade Agricultura ecolóxica Nivel 2; ou desenvolveron traballos vencellados ao turismo, obtendo o diploma de Promoción turística local e información ao visitante Nivel 3.


Estes obradoiros enmárcanse dentro dos programas deseñados pola Xunta para favorecer a inserción laboral das persoas desempregadas. Neste senso, o Goberno galego apoia este ano os obradoiros con 14 millóns de euros, iniciativas que tamén impulsan o fomento da colaboración entre institucións ao realizarse en coordinación cos concellos. O director xeral de Orientación e Promoción Laboral recordou que os eixos prioritarios na Axenda 20 para o Emprego da Xunta son precisamente a formación, capacitación e especialización.