PP de Pontevedra : o equipo de Rueda terá unha vicesecretaría única, 11 coordinadores comarcais e 6 coordinadores de área

Alfonso Rueda
O candidato á presidencia do Partido Popular na provincia, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a estrutura que vai ter o Comité Executivo que el encabeza e que vai dirixir o partido a partir do XVII Congreso Provincial que se vai celebrar este domingo, así como o listado completo de nomes que o forman.   
Unha vicesecretaría única, 11 coordinadores comarcais, 6 coordinadores de área e 22 vogais. Un total de 45 homes e mulleres, cunha media de idade de 40 anos, que completan o equipo provincial máis reducido dos últimos anos, cabe recordar que a anterior executiva que saíu do último Congreso Provincial de 2013 tiña un total de 88 membros. 

“Neste equipo están as miñas apostas persoais, como son todos aqueles representantes locais que ata o momento permaneceron máis nun segundo plano, e tamén unha representación de moitos que me trasladaron a súa disposición de dedicarlle tempo a este partido e que teñen ganas e ilusión para facelo”, apunta o candidato popular. 
A única vicesecretaría xeral que terá a executiva, estará ocupada por Elena Muñoz, actual voceira do PP de Vigo. Un posto que Rueda quixo reservar para a cidade olívica que, xunto coa capital da provincia terán un papel importante na dirección do Partido Popular de Pontevedra. 

Destacan grandes áreas como Participación e Novas Canles de Comunicación, Acción Electoral, Medio Rural, Políticas Sociais e Igualdade ou Política Económica e Emprego. 
Terá un protagonismo destacado a política municipal, ao resaltar a ampla presenza de alcaldes, voceiros e presidentes locais do partido. Haberá un coordinador por cada unha das 11 comarcas da provincia, e en todos os casos son alcaldes, concelleiros ou ex alcaldes os que se van encargar desta tarefa, “como bos coñecedores da realidade do partido en cada un dos concellos limítrofes así como tamén dos temas que máis preocupan na súa zona”.  
Os coordinadores comarcais serán:
  • Baixo Miño: Cristina Correa Pombal
  • Caldas – Umia: José María Bello Maneiro
  • Condado: Marta Valcárcel Gómez
  • Deza: Luís López Diéguez
  • Morrazo: María Ramallo Vázquez
  • Paradanta: Miguel Domínguez Alfonso
  • Pontevedra: Ángel Moldes Martínez
  • Salnés: Lourdes Ucha Varela
  • Tabeirós: José López Campos
  • Val Miñor: Jesús Vázquez Almuíña
  • Vigo: Javier Bas Corugeira  


ESTE SÁBADO, EN A CORUÑA

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, pediu ao seu partido dar o máximo polos galegos ante aqueles que, incapaces de chegar a un acordo no país, din que non habería problemas para xuntarse en Galicia. "Polo tanto quere para nós o que non lles vale para España", di. Así, preguntabase por que queren para aquí o que non aceptan para o resto do Estado.
Deste xeito se expresaba o líder popular na clausura do XV Congreso Provincial do PP de A Coruña, onde acompañou ao novo presidente da provincia, Diego Calvo, do que salientou o traballo e esforzo que realizou durante a súa candidatura, así como a súa xuventude e experiencia. 
O presidente tamén recordou ao seu antecesor no cargo, a Carlos Negreira, do que puxo en valor o seu carácter gañador “que soubo contaxiar a toda a militancia”, a súa cercanía e a súa capacidade de traballo. Por último, apuntou que "o PP da Coruña pode poñerse retos difíciles porque está acostumado a acadalos", lembra.

FUTURO DESPEXADO FRONTE INOPERANCIA
Na súa intervención, o máximo mandatario do PPdeG subliñou que hoxe Galicia volve crecer, posúe unhas contas públicas rigorosas e útiles, crea emprego, innova e exporta máis que nunca, e ten menos impostos, chegando incluso a non pagar polo de Sucesións. 
Aínda que tamén asumiu que queda camiño por diante, Feijóo apuntou que a nosa comunidade está superando as dificultades e ten hoxe moito máis futuro.
Nese sentido, manifestaba que, cando xa por fin estamos saíndo da irresponsabilidade socialista, hai que seguir avanzando e non caer no disparate chavista que propón Podemos. Para o presidente, fomos coñecendo a súa admiración por ideoloxías pasadas e rexímenes fracasados.
O dirixente popular dixo que, se ben Podemos fai cousas moi ben como buscar o protagonismo, protestar ou presumir, “gobernar gobernan moi mal”. Como mostra disto, Feijóo lembrou que non son quen nin de tapar os baches que son cada vez máis difíciles de sortear nas cidades galegas onde gobernan. Ademais, apuntou que neses baches poderá caer o PSOE e mesmo enterrar nelas o seu futuro, pero Galicia non. 
Feijóo incidiu en que, pese a ser o partido máis votado, os populares non se conforman e deben dar sempre máis, engadindo que iniciaron unha renovación de actitudes, de ideas e de equipos que ten ás persoas no centro, sendo esta a senda pola que continuarán.
“Nada do que conseguimos estes anos foi sinxelo pero fomos quen de acadalo”, dicía Feijóo ao tempo que aseveraba que, do mesmo xeito, conseguirán o que aínda teñen por diante. “Este partido precisa de cada un dos seus afiliados e Galicia precisa deste partido”, sentenciou.