Pleno de Bueu aproba adxudicación do contrato de alugueiro dun local de oficinas destinado a acoller servizos municipais

O Concello de Bueu celebrou onte a súa sesión plenaria correspondente ao mes de marzo, na que, entre outros asuntos, se aprobou a adxudicación do contrato de alugueiro dun local de oficinas destinado a acoller algúns dos servizos municipais. A adxudicataria é Abanca a través do seu local sito na rúa Eduardo Vincenti, 28, por un importe de 605 euros, IVE incluído, e para o que se estipula un prazo contractual de 5 anos. Esta adxudicación foi aprobada cos votos a favor do grupo de goberno do BNG e de SON, e coas abstencións do PSOE e PP.  
Tamén foi tema de pleno a aprobación de dous recoñecementos extraxudiciais de crédito: un de 753.137 euros, e outro do IMD de 845 euros, asuntos que foron aprobados cos apoios do grupo de goberno, xa que desde a oposición entenderon que estas operacións non serían precisas se “os orzamentos se fixesen mellor”.
O pleno levou tamén na orde do día tres mocións. Unha era de todos os grupos da oposición que pedían que se redactase un regulamento orgánico referente á corporación municipal e que velase polo acceso sinxelo á documentación. O alcalde, Félix Juncal, adiantou que o grupo do BNG votaría en contra xa que “o Concello cumpre relixiosamente coa garantía do acceso á documentación e información dos concelleiros/as”. Ademais, tamén deixou ben claro que cando o asunto o require, a secretaría xeral do Concello xa realiza os pertinentes informes xurídicos. Tras un intenso debate, finalmente os grupos de PP, PSOE e SON decidiron retirar a moción co compromiso de tentar chegar a un acordo co goberno nunha próxima xunta de voceiros.
O grupo do PP deu lectura a unha moción que pedía a elaboración dun informe sobre a transversalidade e perspectiva de xénero nor orzamentos do Concello. A concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero Pastoriza, informou de que o noso Concello é dos poucos que conta cun Plan de Igualdade, do que está vixente ata 2017 a terceira versión, e que xa incorpora a análise da perspectiva de xénero nos diferentes ámbitos e empregos do Concello. Neste sentido, a moción foi retirada porque se entendeu que se sobrecargaría ao persoal nun asunto que xa está parcialmente desenvolvido nos plans de igualdade.

Finalmente, os catro grupos da corporación decidiron levar a pleno unha moción de urxencia referente ao apoio polo 40º aniversario da República Árabe Saharaui Democrática (RASD), cuxos actos se celebraron o pasado 27 de febreiro, e aos que Bueu tamén se sumou.