10/3/16

OBRADOIRO EDUCAR NA ADOLESCENCIA, PROMOVE CONCELLO DE BUEU

BUEU.- Ata o 17 de marzo está aberta a inscrición para o obradoiro “O reto: educar na adolescencia”, organizado polo Concello de Bueu no marco da súa primeira fase de obradoiros sociais, e con custe gratuíto.  Esta actividade vai dirixida a todas aquelas persoas que teñan ao seu cargo rapaces/zas en idade adolescente, e requírese de inscrición previa, entregando unha ficha de inscrición en cadanseu instituto. 
O obradoiro comezará o 30 de marzo ás 19.30 horas no salón de actos do IES Illa de Ons, e traballará sobre as estratexias e ideas para aumentar a responsabilidade dos adolescentes, e a adaptación a esta etapa tan complexa.
No marco da defensa políticas sociais activas que canalicen as inquedanzas da veciñanza, o Concello ten en marcha unha primeira fase na que se insiren os obradoiros de “Educar en familia”, “Acórdaste?”, dirixido a maiores de 65 anos para adestrar a súa memoria, e “Educar na adolescencia”. 

Máis adiante porá en marcha nunha segunda fase máis obradoiros para fomentar a igualdade, a prevención da violencia de xénero, a protección do medio ambiente, o impulso da ecoagricultura ou o coñecemento e promoción do patrimonio cultural, arquitectónico e paisaxístico. Estas actuacións intégranse pois nun proxecto de carácter multidisciplinar que abrangue diferentes ámbitos da vida na vila e en función dos cales se organizarán actividades coordinadas polas diversas concellarías.