14/3/16

O VINDEIRO SÁBADO ENTRARÁ EN VIGOR A NOVA LEI DO SOLO DE GALICIA, FROITO DO DIÁLOGO E O CONSENSO E QUE NACE CON VOCACIÓN DE PERMANENCIA

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que o vindeiro sábado entrará en vigor a nova Lei do solo de Galicia, froito do diálogo e o consenso e que nace con vocación de permanencia. “E farao –dixo- co obxectivo de acertar, ser útil e posibilitar a ordenación do territorio e a súa sustentabilidade, que se edifique en Galicia dun xeito transparente e que os concellos se comprometan a facilitalo ou que deleguen na Xunta”.

Ao acto de presentación da lei asistiron representantes de colexios profesionais, entidades e asociacións, axentes e empresas de diversos sectores produtivos e técnicos para coñecer de primeira man esta nova normativa e a súa aplicación. Nel, Feijóo afirmou que o texto nace coa premisa fundamental de crear un novo modelo de urbanismo para Galicia baseado na responsabilidade e a sustentabilidade, nunha ordenación do territorio máis eficiente e respectuosa co medio e na toma de conciencia sobre a importancia social, económica e ambiental que ten a nosa paisaxe e a súa protección.

O titular da Xunta lembrou que a nova normativa é a culminación dun proceso que o Goberno galego foi apuntalando desde 2009. “Improvisacións, poucas, e sobre o futuro dun país, ningunha”, afirmou. Este compromiso coa planificación demostrouse a través de medidas como as primeiras Directrices de Ordenación do Territorio da historia de Galicia, aprobadas en 2011, e o Plan de Ordenación do Litoral, que estableceu un novo urbanismo para as zonas costeiras, comprometido coa máxima protección da paisaxe litoral galega e compatible cun crecemento sustentable. 

Contribuíron ao seu desenvolvemento diversas iniciativas en materia de paisaxe que a Xunta puxo en marcha. Por exemplo, desde a escola, para concienciar desde as idades máis novas da necesidade de coidar o medio ambiente, este ano implantouse Paisaxe e Sustentabilidade como materia de libre elección para Secundaria e Bacharelato. 

O presidente tamén citou o Catálogo das Paisaxes, cuxo borrador está feito por un panel de expertos, presentado o pasado mes de xaneiro “e que inclúe a delimitación de258 tipos diferentes de paisaxe que cohabitan en Galicia segundo 5 clases de relevo, 12 clases de uso e 5 clases de clima”. A previsión é que este catálogo sexa aprobado este verán. Ademais, tamén buscamos a colaboración da cidadanía a través de diversos obradoiros para a posta en común de ideas e propostas coas que elaborar as Directrices da Paisaxe.

Feijóo precisou que estas Directrices, xunto co Catálogo, conformarán o futuro Atlas das Paisaxes de Galicia, o documento definitivo que recollerá todos os instrumentos de ordenación territorial e urbanística, os informes sectoriais en materia de paisaxe e os estudos de impacto de integración paisaxística.

Unha Lei de consenso
Feijóo incidiu en que o novo texto buscou o máximo consenso con todos os axentes que operan no sector, abrindo un amplo proceso de participación no que colaboraron 75 axentes sociais e durante o que se promoveron 30 encontros sectoriais. Nesta liña, agradeceu o traballo realizado polos arquitectos de Galicia a través do Colexio Oficial de Arquitectos e moitas outras achegas “que contribuíron a enriquecer o texto e das que se incluíron 8 de cada 10 alegacións”.

Maiores facilidades aos concellos para xestionar o seu territorio
Ao longo da súa intervención, o responsable autonómico afirmou que esta lei non só blinda a autonomía municipal, senón que ofrece aos concellos maiores facilidades para xestionar o seu territorio. Para iso simplifica o proceso de tramitación, xa que crea o informe único autonómico, que evita que os concellos teñan que solicitar todos os informes por separado. Ademais, axiliza o procedemento, ao entender como positivo o silencio administrativo cando este alcanza os tres meses, e crea novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un PXOM.

“Con esta lei, terán a liberdade de elixir se fan eles o planeamento ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal. E ofrece maior autonomía ás sete grandes cidades, que  poden aprobar por si mesmas os seus PXOM, contando sempre co informe preceptivo da Xunta”, abundou, ao que engadiu que xunto con isto, a nova lei busca fomentar o desenvolvemento do rural, a protección da paisaxe e promove a recuperación do xa construído fronte á execución de novas estruturas, o que supón que as novas construcións deben adaptarse sempre ao contorno, ao tempo que se reforza a obriga de rematalas exteriormente.

Sensibilización 
Ademais dos obradoiros das Directrices da Paisaxe que se están a organizar, Feijóo resaltou que neste momento estase a traballar na elaboración do Regulamento da Lei do solo, que vai desenvolver aspectos da nova norma que inciden na súa aplicación práctica, e que neste momento está en fase de alegacións. O seu obxectivo é que “nun único texto estean todas as normativas con nivel de decreto que se necesitan para completar e executar na súa totalidade as previsións da Lei”. Deste xeito, evítase a necesidade de ter que usar a normativa do Estado como lexislación supletoria.


O presidente da Xunta rematou facendo fincapé en que esta lei vai supoñer un antes e un despois para a ordenación territorial e urbanística de Galicia e subliñando que para ser efectiva plenamente, precisa dun importante esforzo que nos implica a todos: a sensibilización. “Queremos protexer o territorio como un dos patrimonios fundamentais do país, medrar de forma responsable, buscar un urbanismo respectuoso co medio ambiente e coidar a casa na que vivimos”, concluíu.