O VINDEIRO MES O DOG PUBLICARÁ UNHA ORDE DE AXUDAS POR VALOR DE 1,5 MILLÓNS DE EUROS PARA OS CONCELLOS QUE QUEIRAN HABILITAR ESPAZOS DE EMPRENDEMENTO COMERCIAL VINCULADOS AO MEDIO RURAL



  • Feijóo afirma que a Xunta seguirá apoiando aos municipios e cooperando con eles en todos os eidos
  • Destaca, a modo de exemplo, que as obras realizadas na praza de abastos de Portomarín dotan o edificio dunha nova vida, “gañando en utilidade e proporcionando aos emprendedores locais un espazo acondicionado para acoller novas iniciativas comerciais”
  • Subliña, tamén, o interese de construír un conxunto de apartamentos tutelados no edificio do antigo centro médico, para a atención a persoas en situación de dependencia 
  • Lembra que o programa de rehabilitación ‘Vivendas no Camiño’ contempla axudas de ata 11.000 euros por inmoble para o acondicionamento daquelas vivendas situadas nos 107 concellos que integran as Áreas de Rehabilitación integral dos Camiños de Santiago
  • Salienta que neste 2016 —no mes de xaneiro e febreiro— houbo un 15% máis de peregrinos que nos meses de xaneiro e febreiro de 2015, “ano récord de peregrinos fóra de Ano Santo”

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o vindeiro mes o DOG publicará unha orde de axudas para aqueles concellos que queiran habilitar espazos de emprendemento comercial vinculados ao ámbito rural. “Unha liña —dixo— para a que destinamos un orzamento total de 1,5 millóns co obxectivo de revitalizar o medio rural a través do emprendemento e a actividade comercial”.

Durante unha visita esta mañá ás obras de mellora da Casa do Concello de Portomarín, Feijóo afirmou que a Xunta seguirá apoiando os concellos e cooperando con eles en todos os eidos. E, nesta liña, referiuse a Portomarín como un municipio onde falar de cooperación interadministrativa significa falar de proxectos de mellora en todas as materias: infraestruturas, dinamización económica, benestar...

Máis polo miúdo, subliñou que unha das actuacións máis salientables realizadas ata o de agora foi a remodelación da Casa do Concello, “que deixa aos veciños un edificio máis funcional, moderno e accesible”. “Unha remodelación que contou cun orzamento de 60.000 euros e que, ademais, fíxose baixo a premisa de mellorar a eficiencia enerxética do inmoble, instalándose unha caldeira de biomasa que permitirá un aforro en combustible importante”, precisou.

Así mesmo, Feijóo subliñou que a colaboración entre a Administración autonómica e o Concello permitiu ademais materializar, no parque empresarial da localidade, o programa de mellora de infraestruturas enerxéticas que a Xunta está a desenvolver en diversos polígonos industriais galegos para fomentar a instalación de empresas neles. E, no caso de Portomarín, mobilizouse unha achega para implantar unha instalación fotovoltaica e para realizar diferentes melloras no alumeado público da contorna.

No eido da dinamización económica, o presidente do Goberno galego referiuse ás obras realizadas na praza de abastos, “dotando o edificio dunha nova vida, gañando en utilidade e proporcionando aos emprendedores locais un espazo acondicionado para acoller novas iniciativas comerciais”.

E, en materia de infraestruturas, afirmou que a Xunta está a estudar os puntos da rede de abastecemento que poidan presentar deficiencias que impiden o seu uso normal para fixar as actuacións a executar ao longo deste mesmo ano. E referiuse, tamén, ao interese de construír un conxunto de apartamentos tutelados no edificio do antigo centro médico, para a atención a persoas en situación de dependencia. 

Programa de rehabilitación “Vivendas no Camiño”
Feijóo destacou tamén o indubidable protagonismo de Portomarín na Ruta Xacobea. E, sobre este punto lembrou que o programa de rehabilitación ‘Vivendas no Camiño’ contempla axudas de ata 11.000 euros por inmoble para o acondicionamento daquelas vivendas situadas nos 107 concellos que integran as Áreas de Rehabilitación integral dos Camiños de Santiago. “Estas axudas permiten financiar o 35% das obras que se realicen por vivenda, co obxecto de contribuír a poñer en valor o urbanismo e a paisaxe galega”, sinalou.

Feijóo concluíu a súa intervención destacando que neste 2016 —no mes de xaneiro e febreiro— houbo un 15% máis de peregrinos que nos meses de xaneiro e febreiro de 2015, “ano récord de peregrinos fóra de Ano Santo”.