6/3/16

O SERVIZO DE REHABILITACIÓN DO CHUVI CONTA COA UNIDADE DE ONDAS DE CHOQUE MÁIS AVANZADA DE GALICIA

O Chuvi Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, conta co dispositivo de ondas de choque máis avanzado de Galicia, o que lle converte nunha referencia para este tipo de tratamentos. Desde que entrou en funcionamento no Hospital do Meixoeiro, o pasado mes de outubro, máis de 400 pacientes, recibiron este tratamento. 
Este dispositivo combina o tratamento mediante ondas de choque focais e radiais. Ningún outro centro da Comunidade está en disposición, na actualidade, de ofrecer este servizo. 
As ondas de choque utilízanse para desintegrar cálculos renais e nestes momentos úsanse en patoloxías músculo-esqueléticas, en cardioloxía, dermatoloxía e en ata case unha decena de disciplinas médicas.
O coordinador da Unidade e xefe do Servizo de Medicina Física e Rehabilitación, Francisco Javier Juan explica que “ a nosa experiencia é recente pois o dispositivo adquiriuse en outubro coa posta en marcha do Álvaro Cunqueiro. Tratamos xa a máis de 400 pacientes, a maioría con tendinites de ombreiro e fascite plantares, que son as patoloxías máis frecuentes, cun 85% de bos resultados. Ademais tratouse  tamén pacientes con espondilite, bursite de cadeira e tendinite rotuliana e aquilea". 
Enfermidades neurolóxicas
A Unidade organizou unha xornada de divulgación científica, o pasado venres, para expoñer os resultados obtidos no tratamento de determinadas doenzas asociadas a enfermidades neurolóxicas. “Hai certas enfermidades neurolóxicas que se poden abordar mediante o tratamento adecuado con ondas de choque. Unha delas é a espasticidade, é dicir a rixidez excesiva do ton muscular, que é un compoñente que inflúe moito na calidade de vida dos pacientes”, explica o doutor Juan.
Na xornada abordouse tamén un protocolo de actuación con ondas de choque para tratar unha lesión do pé, que aparece tras un ictus. Un protocolo que se pretende que sexa multicéntrico, é dicir que se poida utilizar no resto dos hospitais públicos galegos.
“Os tratamentos con ondas de choque son cada vez amplos. Teñen moitas aplicacións en diferentes vertentes médicas. Nesta xornada abordamos o relacionado coas enfermidades neurolóxicas, pero serven para moitas patoloxías. Mesmo se chegan a empregar para resolver determinados problemas de disfunción eréctil”, apunta o doutor Juan.
Tratamento seguro e indoloro 
Unha onda de choque é unha onda acústica ou sónica, que se aplica na zona dolorosa ou de tratamento mediante un cabezal móbil. Se están dirixidas cara a un só punto e con penetración maior son “focais” e só poden ser aplicadas por un facultativo segundo as normas internacionais. Se a onda é máis superficial denomínase “radial” e pode ser aplicada tamén por persoal cualificado non médico. 
A vantaxe do dispositivo co que conta o Chuvi desde outubro é que permite combinar ambos os tipos de onda. Carece de efectos secundarios destacables e ten a vantaxe de que, como a súa aplicación é extracorpórea, non implica os riscos da cirurxía. 
O paciente non precisa ningunha preparación especial para recibir o tratamento, que consiste na aplicación directa dun terminal almohadillado. As sesións duran uns 15 minutos. O tratamento consiste nun máximo de catro sesións, dependendo da evolución, ás que o paciente pode acudir só á consulta e continuar coas súas actividades diarias.
Tanto as ondas radiais como as focais son técnicas non invasivas, seguras, e que se realizan  ambulatoriamente. Os efectos das ondas de choque son analxésicos, antiinflamatorios, aumentan a vascularización,  poden fragmentar depósitos cálcicos, e favorecen a consolidación de fracturas.

O tratamento con ondas de choque extracorpóreas considérase hoxe día unha técnica moi efectiva para as dores do aparello locomotor nos que fracasaron os tratamentos conservadores habituais -antiinflamatorios, infiltracións, rehabilitación-, constituíndo nestes casos unha alternativa á cirurxía.